Avelaíña conmemora o Día Mundial da Saúde Mental baixo o lema “Máis que nunca, saúde mental”

A pandemia provocada pola COVID-19 sacou á luz con maior forza que nunca, a fraxilidade da atención en saúde mental no noso sistema e a necesidade de prestarlle unha atención de urxencia. Un informe sobre políticas acerca da COVID-19 e a saúde mental, publicado polas Nacións Unidas o pasado mes de maio, revela que a pandemia puxo de manifesto “A necesidade de aumentar urxentemente a inversión en servizos de saúde mental, se o mundo non quere arriscarse a que se produza un aumento drástico dos trastornos psíquicos”.

A este propósito, baixo o lema “Máis que nunca, saúde mental”, Avelaíña levará a cabo diversas accións para chamar a atención sobre esta realidade e incidir na necesidade de dedicar mais recursos para garantir un acceso universal á atención da saúde mental:

Onte, 9 de outubro, inaugurouse a Exposición de Cadros Itinerante “Voa con Nós” na Praza de Abastos do Concello de As Neves. A exposición estará aberta ó público todos os martes e venres, dende o 9 de outubro ata o 9 de decembro en horario 10:00 a 13:00 horas.

Campaña “Máis que nunca, Saúde Mental”, con motivo da conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental. A partir do 10 de outubro e ao longo deste ano, irán publicando nas redes sociais de Avelaíña as distintas voces de profesionais e persoas sensibilizadas coa defensa da saúde mental das comarcas do Baixo Miño, Val Miñor, O Condado, A Paradanta e Salceda de Caselas.

Venres, 16 de outubro, publicación das bases do “I Concurso de Debuxos: Máis que nunca, Saúde Mental”, nas redes sociais da asociación Avelaíña. Haberá tres premios. O debuxo gañador do primeiro premio será empregado como imaxe representativa da sede do Condado, A Paradanta e Salceda de Caselas no período 2020/2021 en cartelería e redes sociais, entre outros agasallos solidarios. Colabora: Concello de Ponteareas.

Video-sensibilización “Máis que nunca, Saúde Mental”. Dirixida a alumnado de 4º da ESO do Concello de Ponteareas, alumnado do 1º curso de Bacharelato de Belas Artes do Concello de Ponteareas, persoas usuarias dos Centros de Día e asociacións das Comarcas do Condado, A Paradanta e Salceda de Caselas.

Para rematar, en decembro, celebrarase a Gala Solidaria de Nadal, coa data pendente de confirmar. Trátase dun Concerto na Sala Multiusos do Auditorio Municipal de Ponteareas, con artistas da comarca que interpretarán as súas pezas e actuacións, reivindicando a importancia do coidado da saúde mental. Prezo da entrada solidaria 5 €. A cada entrada corresponderalle un número para a participación nun sorteo de produtos solidarios do comercio local.