O Instituto de Estudos Miñoráns recibe a “Medalla de Ouro” de Baiona no seu vixésimo aniversario

O Concello de Baiona homenaxeou este venres ao Instituto de Estudos Miñoráns coa entrega da “Medalla de Ouro” pola súa traxectoria a favor da cultura do Val Miñor, acordado por unanimidade pola Comisión de Honras e Distincións. A Praza do Concello acolleu o acto de entrega do máximo galardón que pode outorgar a Corporación Municipal, no que estiveron presentes representantes, ex representantes e integrantes do Instituto de Estudos Miñoráns e a Corporación do Concello de Baiona.

A “Medalla de Ouro” foi recollida polos ex directores do IEM Carlos Méixome Quinteiro e Xulián Maure. Á foto de familia sumáronse os vicedirectores actuais da entidade, Xosé Lois Vilar, Xilberte Manso e Antonio Soliño. Xosé Lois Vilar expuxo no seu discurso a longa traxectoria da entidade, mentres que o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, centrouse na gratitude polo seu gran labor cultural.

“O traballo constante, voluntario e desinteresado de membros e colaboradores do Instituto de Estudos Miñoráns foi e é, a clave de que o proxecto siga na vangarda da divulgación cultural en Baiona e no resto dos municipios do Val Miñor. Baiona tiña unha conta pendente con esta institución, por iso é de xustiza que reciban a Medalla de Ouro do noso Concello, a máxima distinción local”, destacou o rexedor.

Trátase do primeiro recoñecemento público oficial ao labor altruísta dos membros do IEM “que ao longo de todos estes anos conseguiu transformar, coa colaboración das institucións como o Concello de Baiona, o panorama cultural da nosa Vila mediante un amplo abanico de actividades de divulgación relacionadas co patrimonio natural, etnográfico, histórico, artístico, arquitectónico ou, mesmo, lingüístico”, continuou Carlos Gómez.

“Salvagardou e promocionou a nosa identidade, o noso idioma e a nosa cultura, entendendo a realidade miñorana e por tanto a baionesa en como integrada no ámbito xeral da sociedade galega. Tamén é importante destacar a achega dunha gran variedade de publicacións ao patrimonio bibliográfico baionés. Un labor deste Instituto que, non sendo oficial, ten desenvolto a expresión independente emanada da sociedade miñorana, en xeral, e a baionesa en particular, conseguindo con fartura todos estes postulados mencionados”, sinalou Gómez no seu discurso.

O Instituto de Estudos Miñoráns constitúese en asociación en Nigrán o 27 de outubro de 1999 co obxectivo de promover, fomentar e realizar aquelas accións voluntarias orientadas ao estudo, investigación, conservación, mantemento, divulgación e defensa de todos aqueles valores históricos, artísticos, antropolóxicos, etnográficos, naturais, etc., que dan contido de seu e singularidade á comarca do Val Miñor, Galicia e concretamente á Real Vila de Baiona, cunha atención especial á defensa e promoción da lingua galega.

Estrutúrase nas seguintes seccións de traballo: Xeografía e Historia. Arqueoloxía e Etnografía; Filoloxía e Literatura; Arte, Arquitectura e Urbanismo; Ciencias Físico-Naturais e Estudo do Medio; Arquivo fotográfico e Fonográfico; Arquivo de documentación; Toponimia; Biblioteca; e Teatro.

Leva a cabo un sen fin de actividades: actos, xornadas, seminarios, cursos, encontros, exposicións, mesas redondas, estudos, publicacións, noticias, traballos de investigación, etc. Dispón dunha Biblioteca propia que co tempo estase a converter nun referente bibliográfico no Val Miñor. Publica unha revista anual (REM) sobre o Val Miñor recollendo as actividades desenvolvidas anualmente. Publica obras que estuden os diversos aspectos do Val Miñor e obras de creación literaria de autores nados ou afincados no noso Val Miñor e Baiona.

Organiza viaxes ou actividades educativas para dar a coñecer todos os valores do Val Miñor e outros lugares de interese vinculados con este. Destacan as xa tradicionais “Xeiras do IEM”, que son unha cita marcada en vermello no calendario cultural de Baiona: visitas guiadas a distintos lugares de interese histórico, artístico, natural e paisaxístico, como a aldea medieval de San Cosme, na parroquia de Baíña; as visitas guiadas pola Fortaleza de Monte Real; os distintos roteiros culturais guiados; os roteiros marítimos pola Baía…

Mención a parte merecen as diferentes xornadas que dedica á divulgación do patrimonio e á cultura da Real Vila, así como os esforzos dedicados á reivindicación da memoria histórica como as homenaxes aos nove veciños da comarca fusilados en outubro de 1936 na coñecida como Volve dos Nove en Baredo.

O IEM tamén promove premios que estimulen a creatividade. Vela pola defensa do patrimonio material e inmaterial do Val Miñor e da súa contorna, prestándolle asesoramento aos concellos que o precisen. Polo ámbito comarcal do IEM, cabe salientar ademais, a colaboración estreita que mantivo dende a súa fundación có Concello de Baiona.

O Instituto de Estudios Miñoranos ten aportado á Vila de Baiona un valor cultural máis aló da investigación histórica, canalizado a través da súa multidisciplinaridade, da cultura e o patrimonio baionés. Sinalar que se trata dunha institución aberta a Baiona, o que xustifica plenamente esta concesión porque é unha institución que se envorca, abríndose a sociedade polo que é digno de eloxio e de recoñecemento por parte do Concello, polos méritos cultural á Baiona e ós seus cidadáns, salientando os fins entre os que destacan a promoción e o fomento da nosa cultura.