Baiona presenta unha quinta edición de “Sons do Casco” segura

O Concello de Baiona, xunto coa Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA), organiza por quinto ano consecutivo o “Sons do Casco” co obxectivo fundamental de dinamizar e desestacionalizar a oferta cultural e de lecer baionesa. Este roteiro musical que terá lugar o 16, 17 e 18 de outubro leva consigo unha fin de semana repleta de música en directo na que participarán un total de 16 grupos musicais con diferentes estilos como o jazz, blues, funk, flamenco, DJ, rock, pop, etc. que buscarán encher de música a Vila.

As actuacións celebraranse en cinco escenarios distintos situados na Praza do Concello, a Praza de Santa Liberata, a Alameda Carabela Pinta, na intersección das rúas Carabela Pinta e Cidade de Vigo e no Parque da Palma. Uns escenarios alternativos aos de anteriores edicións debido ás medidas de seguridade que hai que seguir pola crise sanitaria do COVID-19.

“Con iniciativas como estas queremos participar na reactivación económica do municipio. Queremos que non se perda o emprego, que non se perdan negocios. Queremos axudar á hostalería e aos comerciantes baioneses. Desde o Concello tamén queremos agradecer o labor e o traballo que se fai desde a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA), coa que organizamos esta atractiva programación para atraer xente a Baiona”, destaca o Alcalde, Carlos Gómez Prado.

Na rolda de prensa de presentación da programación de “Sons do Casco”, tanto o Alcalde, Carlos Gómez, como a concelleira de Cultura, Miriam Costas, fixeron un chamamento á participación no evento. Tamén aproveitaron a ocasión para “mandar unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza e aos visitantes que se acheguen esa fin de semana para gozar dos espectáculos, xa que se van a poñer todas as medidas de seguridade e preventivas necesarias. O obxectivo é combinar o lecer coa redución ao máximo do risco de contaxio e transmisión da pandemia. Baiona é segura pero sempre apelamos á responsabilidade individual”, concluíu o Alcalde.