Sin categoría

Moreira recupera a camisola de líder Elite da Copa de España

Misión cumprida para o Vigo-Rías Baixas na Clásica Cidade de Torredonjimeno. O uruguaio Mauricio Moreira recuperou a camisola de líder Elite da Copa de España tras finalizar sétimo este domingo en terras xienenses. A falta dunha carreira para a conclusión do certame estatal, o xefe de filas da estrutura presidida por José Luis Chamorro tamén mantén intactas as súas opcións de adxudicarse a clasificación absoluta.

Recuperando o primeiro posto na táboa Elite, o ciclista charrúa puido desquitarse do mal sabor de boca que lle deixaba a anterior proba da Copa de España, na que perdeu o liderado por culpa dunha avaría mecánica. Ademais, Moreira aproveitou que o primeiro clasificado da xeral, o sub23 David Martín (Kometa), non conseguiu sumar ningún punto en Torredonjimeno, o que abre aínda máis a loita polo título absoluto co corredor do conxunto flúor situado na cuarta posición.

Joan Nicolau foi o primeiro protagonista do Vigo-Rías Baixas na clásica andaluza. O balear buscou fuxirse xunto a outros dous ciclistas no tramo inicial dos 160 quilómetros de percorrido pola provincia de Xaén. Anulado ese intento, un grupo de dezaoito corredores logrou abrir oco respecto ao pelotón unha vez superado o ecuador da proba.

Despois de superar o Alto de Locubín, de 1ª categoría, a escapada quedaría anulada no inicio da subida ao Alto de Valdepeñas. Nesta ascensión de 2ª categoría, coa súa cima situada a 40 km para a liña de meta, seleccionouse definitivamente a carreira e entre as 35 unidades que coroaron o porto na cabeza estivo Moreira.

O uruguaio non puido loitar pola vitoria nas rúas de Torredonjimeno. Un trío de corredores, que atacara a 20 km para o final, presentouse no desenlace da clásica cunha lixeira vantaxe que resultou suficiente para que Abner González (Telco’m) levantase os brazos. A 9 segundos do vencedor chegou o grupo principal con Moreira realizando un notable sprint e obtendo a sétima praza.

Este resultado aúpa ao charrúa ao primeiro posto Elite da Copa de España, acumulando 9 puntos máis que Miguel Ángel Ballesteros (Caja Rural) e 14 que o anterior líder Pablo Alonso (Gomur). Na xeral absoluta Moreira ocupa a cuarta praza a 26 puntos do primeiro clasificado Martín. O certame estatal resolverase o vindeiro domingo no Memorial Valenciaga.