O BNG reclama a recuperación das consultas presenciais no Centro de Saúde de Gondomar

Na concentración celebrada está mañá diante do Centro de Saúde de Gondomar, na que participaron veciñas e veciños do concello acompañadas da portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez, e a deputada do Bloque no Parlamento galego, Carmela González, reclamáronse do SERGAS accións inmediatas para restituír a atención presencial e para rematar coas listas de agarda na atención primaria.

Para o BNG, no actual momento da pandemia a Atención Primaria debería ser chave para garantir a atención sanitaria. Porén, os recortes do Partido Popular fan que este servizo conte hoxe con 142M€ menos que hai once anos; recortes que implican a redución de persoal de primaria e a precarización do servizo ás persoas doentes. Así, a día de hoxe non poden recibir atención personalizada e presencial do seu medico de cabeceira após o SERGAS decidir que a atención se prestase case exclusivamente a través de consultas telefónicas.

Á sobrecarga de traballo que xa viña padecendo o persoal da atención primaria, fóronlle engadindo tarefas propias da Covid (diagnóstico, seguimento, illamento, identificación, funcións de rastrexo), que sumadas as derivadas da atención telefónica e da carga burocrática, tradúcese en teléfonos colapsados, persoal administrativo e celadorxs ao límite, soportando o conxunto unha presión enorme na xestión e a atención das citas.

A organización nacionalista denunciou que a nefasta xestión do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) está a provocar consecuencias desastrosas na atención sanitaria pública galega: escaseza de profesionais que sofren sobrecarga de traballo e non cobertura de baixas e vacacións con persoal substituto, listas de agarda de semanas para consultas, analíticas e incluso para a atención telefónica, controis de saúde de pediatría con moitas demoras, “ou o peche das consultas de tarde como aconteceu no pasado mes de setembro neste centro de saúde de Gondomar”, explicou a concelleira do BNG, Manuela Rodríguez.

Esta saturación no servizo de saúde chega a provocar que haxa doentes crónicos descompensados (persoas con hipertensión, diabetes, cardiopatías, problemas renais), ou que cada vez máis persoas se vexan na obriga de acudir á sanidade privada diante da falta de resposta da pública, o que implica maior desprotección da poboación con menos recursos.

A deputada do BNG, Carmela González, afirmou ao remate da concentración que “a resposta á situación de pandemia non pode estar baseada en incrementar as restricións de acceso á asistencia no sistema público, polo que supón de risco de nos levar a un problema de saúde colectiva”.

O BNG, que xa viña denunciado nos últimos anos o deterioro que a xestión do PP de Feijóo estaba a provocar na atención sanitaria, está a convocar estas concentracións acompañadas dunha recollida de sinaturas para esixir do SERGAS a restitución da atención presencial co persoal e as medidas de prevención de contaxios propios dunha atención digna, a activación de protocolos claros e unificados para a atención sanitaria, e o incremento do número de profesionais con contratos dignos e do orzamento destinado á atención primaria en 200 M€, como accións inmediatas para activar a atención presencial e rematar coas listas de agarda e coa precariedade neste servizo.