O PP denuncia que o alcalde de Gondomar négase a enviar documentación requirida pola Valedora do Pobo

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Paula Bouzós.

O Partido Popular de Gondomar vén de recibir da Valedora do Pobo un escrito no cal se lles fai saber que o Concello non contestou no prazo estipulado aos requirimentos de documentación sobre as queixas presentadas nos pasados meses de xuño e xullo polos concelleiros populares.

O PP gondomareño presentou dous escritos de queixa ante a Valedora do Pobo por vulneración do Alcalde do Concello de Gondomar, do dereito de acceso á información e documentación por parte dun concelleiro da Corporación Municipal, recollido no artigo 77 da Lei 7/1985 LRBRL, o artigo 226 da Lei autonómica 5/1997, reguladora da Administración Local de Galicia, artigos 14 a 16 do RD 2568/1986 polo que se aproba o ROF e o artigo 34 do Regulamento Orgánico do Concello de Gondomar, así como o dereito á información que, para o exercicio das funcións públicas, establecen os apartados 1 e 2 do artigo 23 da Constitución Española. Estes escritos foron admitidos a trámite o pasado mes de xullo dando lugar ao requirimento de información ao Concello por parte da oficina da Valedora.

Nese mesmo mes e debido á falta de actualización do Portal de Transparencia do Concello de Gondomar, os membros do Partido Popular de Gondomar presentaron un escrito de queixa por incumprimento da Lei de Transparencia e da Publicidade Activa. Este escrito tamén foi admitido a trámite pola Valedora do Pobo requirindo igualmente información ó respecto ao Concello de Gondomar.

Todos estes requirimentos non foron atendidos polo Concello no prazo estipulado pola Valedora do Pobo, a pesar de ser unha obriga legal segundo o artigo 22 da Lei do Valedor do Pobo. Por este motivo a Valedora volveu a requirir novamente do Concello que lle remita a documentación solicitada.

Dende comezo da lexislatura os membros do Partido Popular de Gondomar veñen queixándose da falta de transparencia de Ferreira, ao ocultar información e negar a entrega de documentación solicitada, chantaxeando aos seus membros con non entregar documentación si non asinaban un acordo de confidencialidade que se quitou da manga e o cal non tiñan obriga de asinar os concelleiros. Debido a isto o alcalde negou constantemente documentación aos concelleiros do Partido Popular, tendo pendentes incluso a contestación das preguntas feitas no pleno do pasado mes de decembro, como recoñeceu no pleno extraordinario celebrado o pasado 4 de setembro.

No que atinxe ao Portal de Transparencia e a Publicidade Activa, o PP gondomareño presentou unha moción no pleno para a actualización da mesma e foi rexeitada polo goberno municipal, a pesar de recoñecer que estaba baleiro de contido, pero ata o de agora non fixeron nada para solucionalo.

“A falta de transparencia e información por parte do Sr. Ferreira é unha constante dende que comezou esta lexislatura, tal e como veñen denunciando os membros do Partido Popular de Gondomar, e outros membros da oposición. Debería de contestar aos requirimentos que lle fai a Valedora do Pobo, entregar a documentación que lles piden os membros da corporación e actualizar o Portal de Transparencia do Concello” remata dicindo Paula Bouzós, voceira do Partido Popular de Gondomar.