O PP de Baiona advirte do perigo que supón o estado do paseo do cámping da Ladeira

O PP de Baiona mostra a súa “preocupación” polo estado que presenta a contorna do paseo da Ladeira, unha zona moi transitada polos veciños que desde fai máis de seis meses presenta un estado lamentable pero que neste momento, polo paso do tempo, xa está completamente intransitable. É máis, os populares advirten de que supón un “verdadeiro perigo” para os viandantes ao non atoparse sinalizada nin valada a enorme focha que corta o paso polo carreiro.

Desde o grupo municipal popular urxen ao goberno local a que, de entrada, tome medidas que eviten un accidente e sinalice adecuadamente a zona. Pero non só iso, instan o tripartito a realizar os contactos oportunos con xefatura provincial de Costas, gobernada tamén polo PSOE, para liquidalo definitivamente. “Pasou máis de medio ano desde que se abriu a gabia e desde este goberno local non se moveu nin un dedo para arranxar un paseo polo que xa é imposible pasar”, aseguran os concelleiros do PP, quen augura que “de non actuar de forma inmediata, cos temporais do inverno, o buraco irase facendo máis grande ata chegar a provocar danos estruturais e, o peor, persoais se algún veciño sofre algunha caída”.

Para os populares, o estado deste paseo da Ladeira é un exemplo máis da “desidia” deste goberno “a tres” que está “máis preocupado dos seus conflitos internos que dos problemas do pobo e polo coidado e a protección do noso medio natural”. Este carreiro forma parte do estuario A Foz do Miñor, está incluído desde 1999 na Rede Natura 2000, catalogado como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) e, ademais, considerado Zona de Especial Conservación (ZEC). Un paraíso natural protexido “único” e valorado polas principais organizacións ambientais, que presenta unha imaxe “deplorable” polo “desinterese” de quen actualmente xestionan o Concello: PSdeG, BNG e Nós.