Un incendio nun taller de motos obriga a desaloxar un edificio en Nigrán

Un incendio nun taller de motos obriga a desaloxar por precaución un edificio situado na Avenida de Val Miñor, en Nigrán. Deste xeito, os veciños puxéronse a salvo mentres duraron os traballos para a extinción do lume, que chegou a afectar a dúas persoas que estaban no interior do taller.

De feito, desde o 112 Galicia pediuse a colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para asistir a dúas persoas que, segundo apuntaron os axentes da Policía Local, inhalaron moito fume. Finalmente, os equipos médicos somentes trasladaron a unha persoa con síntomas de intoxicación por mor do fume e unha pequena queimadura que presentaba nunha man.

Para facer fronte ao incendio, o persoal do 112 Galicia pediu a colaboración dos Bombeiros do Baixo Miño, que, xunto cos membros do GES de Val Miñor, rápido sufocaron o incendio. De momento, os equipos seguen traballando no punto para ventilar debido á intensa fumareda acumulada no interior do taller.

Cómpre sinalar que a alerta sobre o incendio activouse no 112 Galicia pasadas as seis desta tarde mediante a chamada dunha persoa particular. Ademais dos sanitarios e dos bombeiros, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informaron aos axentes da Policía Local de Nigrán que, por precaución, procederon ao desaloxo do edificio para garantir a seguridade no tempo que duraron os traballos de extinción. En canto os bombeiros rematen a avaliación dos danos, os veciños poderán volver ás súas vivendas.

De momento, os efectivos de extinción confirmaron que ardeu unha zona do taller con dúas ou tres motos, pero que todo o local viuse afectado polo fume.