Podemos Baiona presenta unha moción sobre o proxecto de parque eólico na Groba

Podemos Baiona vén de presentar unha moción sobre o proxecto anunciado pola Xunta de Galicia para a instalación dun parque eólico na Serra da Groba. O 5 de maio de 2020 faise pública unha Orde da Consellaría de Economía, Emprego e Industria na que se informa da tramitación de varios proxectos en Galicia que danarían o Medio Ambiente e a saúde: plantas de xestión de residuos, vertedoiros, subestacións eléctricas, liñas de alta tensión, factorías que emiten gases de efecto invernadoiro e, parques eólicos, nos que está o da Serra da Groba.

Para Podemos estes proxectos “altamente nocivos” xeran un grande rexeitamento social polo seu forte impacto ambiental, pero tamén social e económico. “É inadmisible que a tramitación deste tipo de proxectos se realicen dunha forma tan sinxela e co total apoio da Xunta, a cal facilita os trámites ás empresas privadas. Resulta cando menos irregular, que a súa tramitación se poida producir sen as garantías previstas na Lei”, lamentan.

Dende o Grupo Municipal Podemos Baiona apostan polas enerxías renovables, pero non a calquera prezo. “Cremos nun modelo participativo, no que obteña beneficios toda a veciñanza e sempre respectando o patrimonio natural, paisaxístico, cultural, a auga.., un modelo non especulativo onde os beneficios dos accionistas das grandes empresas (que logo terminan saíndo do País) non sexa o único obxectivo”.

Na moción propoñen ao Pleno da Corporación Municipal rexeitar a proposta do parque eólico na Serra da Groba que fai a Xunta de Galicia a través da devandita Orde.