Nigrán habilita aseos no cemiterio municipal do Ceán e o amplía con 20 novos nichos

O Concello de Nigrán rematará este mes as obras para dotar de aseos accesibles ao cemiterio municipal situado no Ceán (carecía desta infraestrutura) e de ampliación con 20 novos nichos. O investimento, de preto de 50.000 €, dará resposta aos usuarios do camposanto que, desde hai anos, demandaban dispor de aseos; por outra banda, moitas persoas manifestaban o seu interese por facerse con nichos.

Deste xeito, o edificio dedicado ao almacén de ferramentas está sendo reformado cunha nova distribución interior que incluirá un aseo de uso público con entrada accesible (o resto do espazo continuará como almacén). Paralelamente, estase a ampliar o número de nichos en 20 aproveitando os espazos baleiros entre os existentes. Estes realizaranse do mesmo xeito que os que hai, con pezas de formigón armado e cabeceiras en pedra natural, ademais, contarán cunha cámara bufa para o drenaxe de líquidos e evacuación de gases.

Esta ampliación de nichos súmase á realizada en Parada no ano 2016 coa construción de 35 novos nichos que tamén demandaban os veciños, cumprindo o Concello de Nigrán con esta demanda nos dous únicos cemiterios municipais da localidade.