Daniela Dicosta, The Hendersons e Phantom Club pechan hoxe o segundo festival Solpor

O Concello de Nigrán pon fin esta tardiña á segunda edición do seu festival “Solpor” co concerto de Daniela Dicosta, The Hendersons e Phantom Club. O evento musical, que une á sublime localización e vistas do miradoiro de Monteferro coa música en directo dos mellores grupos locais, reuniu onte a máis de mil persoas que se achegaron a gozar de Nadie es Perfecto e Blackstereo. Neste enclave único, volverá a ter lugar hoxe dende ás 20:00 horas e de xeito gratuíto os concertos de Daniela Dicosta, The Hendersons e Phantom Club, todos eles grupos con fondas raíces na comarca. O obxectivo deste festival creado o ano pasado polo Concello de Nigrán é gozar da música ao aire libre e nunha contorna privilexiada, no cumio de Monteferro, un palco proxectado cara ao Atlántico sobre o máis grandioso dos escenarios. Neste enclave único, fronte ás Illas Estelas, entre as caricias da brisa mariña e os aromas de sal e monte, os “solpores” permiten vivir experiencias musicais aumentadas: un xeito distinto de desfrutar dun concerto, cos cinco sentidos postos na contorna e sumando ao ritmo das ondas o das mellores actuacións en vivo. Ademais, o evento nesta edición conta con postos de Chac-Mool (comida mexicana), Creps Roll (crepería), Fresh Pizza e Bocatería Lalo´s.

O Concello de Nigrán quere con “Solpor” poñer en valor un espazo tan espectacular como Monteferro ao tempo que ofrece aos grupos locais unha oportunidade de promocionar o seu traballo no mellor dos escenarios posibles. «Dende o goberno apostamos por concertos ao aire libre en lugares de indubidable encanto, como xa é o Nigranjazz na Foz ou o Vive Nigrán en Praia América. Os “Solpores” son parte esencial do noso calendario estival porque tiveron unha marabillosa acollida, con máis de 2.000 persoas na súa primeira edición o ano pasado», afirma Juan González, alcalde de Nigrán

Esta sublime localización e a indubidable calidade artística dos grupos participantes – todos eles con raigame na comarca- farán, sen dúbida, que a maxia do solpor tome unha nova dimensión en Monteferro.

SÁBADO 7 DE XULLO, DENDE AS 20:00 HORAS

DANIELA DICOSTA é unha compositora e intérprete que acaba de darse a coñecer a través do programa Factor X. Filla de Rosa e Silvino de Aerolíneas Federais e sobriña de Miguel Costas E Peón Kurtz, Daniela creceu nun ambiente musical. Ademais das influencias familiares, os seus 10 anos no Conservatorio Profesional de música no que comezou os seus estudos de guitarra con tan só 8 anos, permitíronlle adquirir unha cultura musical repleta de diferentes estilos. Daniela elixiu para darse a coñecer unhas interpretacións moi persoais de Bizarre love Triangle e Moonriver, nas que demostrou que leva a música no sangue cun estilo moi íntimo e sensual. Na súa canle de Youtube podemos atopar temas propios como Inverno frío e Staring at you, este último coa colaboración nos arranxos de Fachendoso. En sálgaa Libertad, Daniela ofreceranos un concerto acústico para presentarnos os seus temas propios acompañados dos seus covers favoritos.

THE HENDERSONS dedícanse á captura en grao sumo exquisito do repertorio de THE BEATLES, especialmente de cando aínda non levaban bigote. A expedición está formada por Iñaki Santamaría (guitarra e voz), Alberto Lopo (guitarra e voz), Jacobo Jiménez (baixo e voz) e Paco Araujo (batería e voz). A gran admiración dos vigueses pola banda de Liverpool levoulles a explorar entre a bruma dunha cidade mariñeira e mergullarse ata o máis profundo do seu repertorio, buscando eses tesouros máis escondidos para desvelar os segredos mellor gardados dun son único. Reto sempre difícil, especialmente polas harmonías vocais e a súa particular rítmica. O resultado está avalado pola traxectoria de cada un dos seus membros.

PHANTOM CLUB volve aos escenarios festivaleiros este 2018 tras 5 anos de reunións anuais en salas de concertos unicamente. Desde o regreso a Buenos Aires do seu cantante, Frans Banfield, o grupo de Funk non deixou de reunirse co seu público unha vez ao ano para manter a chama viva tras 10 anos de carreira, deixando o selo de ser un dos grupos máis recoñecidos de Galicia pola súa elaborada fusion de Rock- Funk-Rap e a posta en escena. Percorreron todo o territorio nacional e editaron dous discos, un deles gravado en vivo, “Moitas Noites , Boas Grazas!” (2011), que contou coas colaboracións de Ariel Rot e Pablo Novoa entre outros. Este ano preséntanse unicamente en Festivais de Galicia e Portugal, xa sen Seilaesencia, pero coa mesma formación habitual. Moita enerxía en vivo, unha banda que non deixa manter os pés quietos nin un segundo.

Anuncios