Marine Instruments reabre o prazo de inscrición da V Regata Solar

Marine Instruments, empresa de innovación tecnolóxica que ten a súa base operativa no polígono industrial de Porto do Molle, en Nigrán, reabre o prazo de inscrición á V Regata Solar, tras a cancelación sufrida este ano debido á Covid-19. A gran cita anual coa innovación, que fomenta a eficiencia enerxética entre escolares e makers mediante a construción de prototipos solares, volverá ter á Vila de Baiona como un referente para o desenvolvemento das probas.

Tras o éxito alcanzado na anterior convocatoria, a quinta para as embarcacións e a primeira para os coches solares, Marine Instruments promove ambas as dúas propostas incorporando novidades e modificacións no regulamento de ambas as dúas modalidades. A primeira delas é a unificación das de Educación Secundaria e Ciclos de Formación Profesional que, a partir do próximo ano, van competir de maneira conxunta, creando a categoría de Centros Educativos.

Respecto á Carreira Solar, créase unha nova división baixo a denominación de Familias, á que poñerán concorrer unidades familiares, a condición de que o piloto sexa un menor de 16 anos.

Baiona volverá ser a sede das dúas convocatorias, que se celebrarán o sábado 26 de xuño de 2021, converténdose o concello baionés nun dos principais promotores que impulsan a cita coa mocidade, a innovación tecnolóxica e agora as familias.

Os requisitos das embarcacións e dos coches réxense por unhas normas comúns a todos os participantes elaboradas por Marine Instruments e que contemplan que a única enerxía utilizada será exclusivamente a solar, xerada polo panel oficial de 100 W para as embarcacións e 50 W para os coches, non permitíndose o uso de acumuladores eléctricos. Tanto o panel como as baterías auxiliares entregadas por Marine Instruments serán os únicos materiais válidos.

Ademais, Marine Instruments entrega a cada equipo pertencente a algún centro escolar un mando de radiocontrol e unha axuda económica valorada en 100 € no caso das embarcacións e de ata 50 € no dos coches. As Familias poden adquirir o Kit completo para a fabricación do coche solar por 120 €.

O xurado estará formado por responsables de diferentes áreas de Marine Instruments: Francisco Pino, Director de I+D; Bruno Lema, Responsable da área de Hardware; e varios enxeñeiros de Hardware de Marine Instruments que premiarán a Eficiencia e o Deseño de cada prototipo.

Os lugares elixidos para ambas as dúas competicións serán a Praia da Ribeira, no caso das embarcacións, e un circuíto montando sobre as canchas de baloncesto, para os coches de radio control.

A asociación A Industriosa (www.aindustriosa.org), un espazo para o desenvolvemento das persoas e proxectos relacionados coas tecnoloxías que se atopa situado na rúa Barcelona, 13 en Vigo, colabora coa regata dando soporte técnico aos participantes que así o desexen.

As inscricións poden realizarse a través da web da Regata Solar, finalizando o día 5 de outubro. As prazas son limitadas en todas as categorías. Todos aqueles interesados poden revisar as bases do concurso e inscribirse en www.regatasolar.org.