Baiona pon en marcha unha liña de axudas para apoiar ás familias cos gastos escolares

O Concello de Baiona subscribiu un convenio con CaixaBank a través da Obra Social “la Caixa” da oficina da Vila para financiar un programa de atención urxente e prioritaria dirixido a paliar as situacións de emerxencia social de persoas e familias en situación de vulnerabilidade ante a Covid-19. A liña de axudas centrarase en cubrir as necesidades escolares das familias do municipio.

Esta iniciativa levaraa a cabo o Concello grazas á achega de 6.000 euros para este fin, o que foi agradecido polo alcalde, Carlos Gómez Prado, á directora da oficina de CaixaBank en Baiona, Yolanda Pérez, co que asinou a recepción desta colaboración.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, realizou unha serie de contactos con distintas entidades bancarias, en busca de financiamento para paliar os efectos da crise sanitaria no municipio, e desde a sucursal baionesa mostraron gran disposición para a colaboración. O proxecto permitirá axudar ás familias que teñen dificultades para afrontar os gastos de adquisición de libros de texto e material escolar, así como os gastos de transporte, asegurando que en Baiona todos os nenos e nenas poidan desenvolver o curso de forma adecuada, sexa cal for a súa situación económica.

Desde o departamento de Servizos Sociais municipal está a traballarse na redacción das bases das axudas que se outorgarán seguindo criterios sociais.

“O obxectivo destas axudas é rebaixar a carga económica das familias derivada dos gastos escolares. Con todo iso, queremos continuar colaborando coas familias, canto máis en orde ao seu enfraquecemento económico tras a crise do coronavirus, e traballar sempre para reforzar unha educación pública de calidade. Desde o Concello, como administración máis próxima, debemos poñer o noso gran de area para que a situación que están a vivir sexa o menos gravosa posible e poidan saír adiante”, conclúe o Alcalde.