Gondomar súmase un ano máis ao “Proxecto Ríos” cunha limpeza do río Miñor e os seus afluentes

O Concello de Gondomar adhírese un ano máis ao “Proxecto Ríos” e á limpeza simultánea que os seus organizadores, a asociación ambiental ADEGA, desenvolverán o próximo 27 de setembro en diferentes municipios de Galicia.

Dentro da aposta clara e firme do goberno local por fomentar iniciativas que permitan defender o medio ambiente e a contorna natural, nesta ocasión a actividade será coordinada pola Concellería de Medio Ambiente dende a que se anima á veciñanza a que se sume á limpeza do río Miñor e afluentes.

Os interesados en participar poderán inscribirse chamando ao teléfono 986 360 125 ou no correo medioambiente@concellodegondomar.gal, onde deberán deixar o seu nome e apelidos completos e o DNI. No caso de menores de 18 anos deberán ir acompañados por un adulto que se responsabilice deles.

A limpeza comezará ás 10:00 da mañá do domingo 27 de setembro e o punto de encontro será a Ponte de Ánimas. Os voluntarios e voluntarias recibirán máscaras conmemorativas da xornada, bolsas e luvas, así como unha pequena merenda, ofrecida polo concello, ao remate da actividade.

Dende a Concellería de Medio Ambiente sublíñase a importancia destas accións como un elemento fundamental para afondar na educación e sensibilización ambiental dos cidadáns. “A pesar dos avances logrados nos últimos anos e a mellora da calidade dos nosos ríos, queda moito traballo que facer”, afirma o edil Brais Misa, quen lembra que nese camiño continuará actuando o goberno local.

Na edición do pasado ano do “Proxecto Ríos” os voluntarios retiraron un total de 800 quilos de residuos das ribeiras e do leito do río Miñor e as desembocaduras do Zamáns e do Morgadáns.