“Menosprezounos, insultounos e como sempre buscando o seu beneficio particular”

Alfonso Mandado, en resposta a unhas declaracións feitas polo alcalde, Paco Ferreira, nas que lle reprochaba ao presidente do Gondomar Club de Fútbol “que quixese utilizar o cargo como trampolín á política local”, fixo chegar aos medios de comunicación unha carta dirixida ao rexedor. Así mesmo, o alcalde aseguraba que no caso de que non se consiga formar unha nova directiva, o Concello farase cargo da entidade. “Non vou permitir que o Gondomar Club de Fútbol, con máis de cen anos de historia, deixe de existir, coma se ten que botar man do mesmo o propio Concello».

Carta ao Alcalde de Gondomar

«As cousas hai que tomalas de quen vén» ou «Non ofende quen quere senón quen pode» ditos propios da sabedoría popular que se podían aplicar ao actual alcalde de Gondomar, pero creo que chegou o momento de dicir basta, ante tanta mentira como pasou ao longo do tempo que leva nese posto, grazas a un pacto do que os seus propios socios fóronse desmarcando unha vez que o foron coñecendo.

Ao longo da miña vida fixen o suficiente currículo como para ir coa cabeza ben alta e sen necesidade de apoiarme en nada nin en ninguén para conseguir nada e moito menos, dunha institución centenaria como o Gondomar C.F, onde fun, xogador, adestrador, directivo e agora Presidente e non recibín nin un duro en todo ese tempo. Por moitas vidas que viva nunca poderá igualar todo o que tentei facer por Gondomar e polo Gondomar sen pedir absolutamente nada a cambio, cousa que Vde. non pode dicir xa que a súa vida foi unha continua senda de enganos.

Nos catro anos que levo á fronte do Club, prometeunos tanto a min persoalmente como a toda a Directiva, en reunións oficiais, que solucionaría o problema da existencia de dous clubs de fútbol en Gondomar, mesmo nos fixo desfacer un equipo de xuvenís que xa tiñamos, con esa promesa. Todo iso foron mentiras, xa que como sempre, tenta sacar rédito político do mesmo, ao ter en conta a importante cantidade de votos que move o fútbol.

Ademais de faltar á verdade, faltounos ao respecto tanto a min persoalmente, vertendo inxurias sobre se o utilicei como trampolín político, así como dicindo dalgúns dos directivos, que non traballaban o suficiente ou non traballaban directamente. Como sempre prefalando sen coñecemento de causa e manchando o meu nome, o dalgúns directivos e o do propio Gondomar C.F., unha institución con máis de 100 anos de existencia.

Agora, despois de mentir, poñer trabas e enganar ao pobo en círculos de bar e nas redes sociais, pretende novamente aparecer como O Mesías, o salvador dun Club Centenario, do que non é nin socio, buscando achegarse á xente e obter o seu beneplácito como defensor de algo, ao cal el nunca tivo a máis mínima intención de solucionar.

Como Club, desmentimos todas as súas saídas de ton nas redes sociais, pero como agora el quixo darlle transcendencia pública nos medios, queremos facerlle ver á cidadanía, que sempre pensa nel, que xamais pretendeu colaborar e apoiar a un grupo de veciños, que deu un paso adiante para salvar o Club do seu pobo. Menosprezounos, insultounos e como sempre buscando o seu beneficio particular.

Xamais, e repito xamais, pretendeu solucionar os problemas existentes, deixou que se chegase a estes extremos, buscando o de sempre, incluso dicindo por escrito que investiu certas cantidades, as cales eran partidas económicas xa asinadas por anteriores alcaldes.

O único que podemos e podo dicir como Presidente do Gondomar, é que agradezo a todos os meus directivos, así como a Directivas anteriores o traballo realizado, non podendo dicir o mesmo deste Alcalde, que en ocasións pretendeu que fósemos a súa comparsa para a foto de rigor. Somos veciños da Vila, membros dunha Asociación sen ánimo de lucro, que investimos o noso tempo sen beneficio algún, como para que despois de mentiras, enganos e todo tipo de dispositivos, o principal artífice de moitos dos nosos problemas queira aparecer como O Salvador.

Polo dito neste artigo, cremos que a verdade debe saír á luz, non só a versión institucional, cuxa única misión é a de buscar votos, senón a realidade dos feitos acontecidos. Nin se debe nin se pode vanalizar o traballo desinteresado dos demais, aínda que así o faga este Alcalde, e polo tanto o seu grupo.