O Concello de Baiona ilumínase de verde para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer

Esta noite, a fachada do Concello de Baiona iluminarase de cor verde con motivo da conmemoración do Día Mundial do Alzheimer, efeméride instituída pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e auspiciada por Alzheimer Disease Internacional (ADI) en 1994. As luces verdes xa luciron na fachada esta pasada noite.

Con este xesto o Concello de Baiona busca dar visibilidade e apoio sobre a situación de ao redor de 3,5 millóns de enfermos e familiares que conviven con esta enfermidade en España.

Este luns deu comezo en Baiona o obradoiro “Cultiva a Mente”, que se desenvolverá ata finais de xuño do próximo ano. Este obradoiro nace desde a Concellería de Servizos Sociais a través de diversas reunións entre o Alcalde Carlos Gómez e a concelleira Concepción Vara coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias dexenerativas “AFAGA”, en busca de dar prevención e asesoramento á demanda de veciñas e veciños, maiores de 55 anos.

Nesta primeira edición, que arrancaba onte no Multiusos Ángel Bedriñana e que se realizará todos os luns ata o mes de xuño, conta coa participación de 13 veciñas e veciños do municipio, que dunha forma didáctica experimentarán novas aptitudes e experiencias para levar a cabo no seu día a día, exercitando a súa mente e fomentando a socialización.

Durante o estado de alarma o Concello de Baiona e AFAGA estableceron un seguimento das persoas que estaban a participar neste programa.