Nigrán outorga o certificado oficial de socorrismo a oito veciños

O Concello de Nigrán avanza para garantir a seguridade nas praias do vindeiro verán ao outorgar o certificado oficial de socorrismo a 8 veciños que xa poderán exercer como tal ao dispor xa do certificado de profesionalidade requirido. Paralelamente, ultima unha nova edición coas mesmas características. Foi precisamente con este obxectivo de atallar coa dificultade de cada ano de obter titulados para traballar nos areais co que o Concello investiu 15.000 euros neste curso de 10 persoas (8 aprobadas) impartido por BIG Formación para ofrecelo de xeito gratuíto, circunstancia que repetirá nos vindeiros meses. A duración total foi de 420 horas e a formación práctica desenvolveuse entre a Piscina Mancomunada do Val Miñor e nas propias praias durante este mes de setembro.

“O programaramos para obter titulados este mesmo verán, pero ante a crise do Covid-19 sufriu un lixeiro retraso ante a dificultade de realizar as prácticas segundo o previsto inicialmente”, explica o alcalde, Juan González; quen incide en que anualmente se repite de falta de socorristas coa titulación requirida, “polo que é importante celebralo”, engade. Así, o compromiso do goberno de Nigrán coa seguridade e calidade asistencial nos areais e máximo, e ante o insuficiente número de socorristas que se precisan en toda Galicia na tempada estival o Concello tomou esta decisión para atallar este problema na súa comarca definitivamente.

“Trátase dun certificado de profesionalidade moi demandado e cun custe económico alto tendo en conta que o traballo é moi estacional, motivo polo que hai escasos socorristas coa titulación válida para exercer o seu traballo nas praias, unha circunstancia que desde o Concello queremos liquidar ofrecendo esta formación de xeito gratuíto entre os nosos veciños”, explica González.

Neste curso oficial, o alumnado adquire os coñecementos necesarios para velar pola seguridade dos usuarios de zonas de baño público en espazos acuáticos naturais, de forma autónoma ou integrado nun equipo de rescate e socorrismo, velando pola seguridade, previndo que se produzan situacións potencialmente perigosas realizando unha vixilancia permanente e eficiente e intervindo de forma eficaz ante un accidente ou situación de emerxencia.