Podemos quere unha Baiona turística pero na que os baioneses non teñan que emigrar

Desde Podemos Baiona lamentan escoitar que o discurso do alcalde, o socialista Carlos Gómez, é unha continuación da anterior corporación, que non afonda nun dos principais problemas da vila. Onte presentouse a nova imaxe de marca de Baiona, e para Podemos non se aposta por un turismo sostible. “Preocúpanos que, a pesar do cambio de corporación, sigamos apostando por un modelo tan estacionario, que non aposte pola creación de emprego de calidade, que aumente o prezo do aluguer e da vivenda, que esqueza as nosas parroquias e transforme Baiona nunha cidade deserta despois do verán”, afirman.

“En Podemos Baiona apostamos polo turismo como un dos principais motores da economía da nosa cidade, pero sen esquecer á nosa xente, a xente que vive aquí en xullo e agosto, pero tamén no resto dos meses. Pasou un ano desde a entrada da nova corporación e lonxe de ver cambios significativos ou vislumbres dalgún tipo, actos como o de onte lembran que nada cambiou”, lamentan.

Tamén dentro da nova identidade “Marca Baiona”, actualizarase a páxina web do Concello, feito que levan meses reclamando, e que agora por fin parece ser unha realidade, o que agradecen ao grupo de goberno. “Esperemos que se teña en conta a nosa demanda de maior transparencia no portal, xa que unha maior transparencia na actividade pública é un dereito de todos os cidadáns que debe ser atendido”.

“Queremos que a xente veña a visitar a nosa cidade, pero sobre todo, como baionesas e baioneses de nacemento, queremos unha cidade na que poidamos vivir e non teñamos que estar obrigados a marchar e emigrar porque non temos traballo nin aluguer razoable”, conclúen desde Podemos Baiona.