
O Congreso dos Deputados avalou hoxe ao grupo municipal popular de Baiona ao rexeitar de forma contundente a disposición dos aforros dos baioneses que o Goberno central pretendía levar a cabo para devolvelos, con sorte, 17 anos despois. A pesar de que este decreto lei era unha “chantaxe” a todos os concellos de España, o alcalde de Baiona, o socialista Carlos Gómez, e o resto dos partidos que compoñen o tripartito (BNG e Nós), decidiron ser cómplices e poñer en mans do Executivo central, mediante o seu voto favorable no pleno desta semana, os máis de dous millóns de euros que os baioneses teñen aforrados grazas ao pago dos seus impostos. “Ese diñeiro é dos veciños e debe de investirse nos veciños, especialmente neste momento no que tanto se necesita”, defenden desde o PP local convencido de que tería sido un “erro” regalarllo a Sánchez.
Afortunadamente os veciños de Baiona están de parabén porque “se impuxo o sentido común”, indican, “e este sen sentido topouse coa oposición do municipalismo”. “Alcaldes de todas as cores políticas, tamén do PSOE, negáronse a participar desta artimaña desde un principio e antepuxeron os intereses dos seus veciños fronte ao seu propio partido. Xusto o contrario ao que fixo o Sr. Gómez, que fai tan só tres días púxose de lado de Abel Caballero sen importarlle o prexuízo que iso supoñía para os baioneses”, valora o portavoz do grupo municipal popular, Ángel Rodal, moi crítico coa actitude do rexedor no último pleno.
“Está claro que o PP e tamén Ciudadanos defendiamos os intereses dos cidadáns ao votar en contra desta argucia que hoxe quedou máis que manifesta no Congreso”, defenden desde o PP local, e instan o rexedor a “explicar a todos os veciños por que apoiou esta mentira a sabendas das súas consecuencias”. “É hora de que o tripartito sexa transparente e defenda coa súa xestión os intereses de todos os baioneses porque co diñeiro dos veciños non se xoga”, reclaman.