Baiona paga outro millón de euros polo aparcadoiro do Aral

O Concello de Baiona aprobou no Pleno desta semana unha modificación de crédito para continuar saldando a débeda de case 4 millóns de euros contraída polo anterior goberno municipal con Abanca, debido á sentencia xudicial tras o rescate do aparcadoiro público do Aral. Dita débeda estase a saldar con cargo ao Remanente de Tesourería, é dicir, aos aforros municipais, dos que terá que saír 1 millón de euros para satisfacer o importe do segundo prazo, pactado para este ano 2020. No 2021 haberá que aboar preto de outro millón de euros máis.

Por outra banda, o concelleiro encargado do recinto, Óscar Martínez, explicou que xa son máis de 100 os abonados novos dende que se fixo pública a nova ordenanza reguladora do aparcadoiro municipal. A que finalmente entrou en vigor o pasado mes de agosto e pola que os baioneses poden ter unha praza para o seu vehículo por só 32 euros ao mes. O concelleiro destacou a mellora que esta medida supón xa que “existe a posibilidade dun estacionamento protexido e accesible no centro de Baiona a un prezo económico”. Ademais, recorda que “coa nova ordenanza, os veciños teñen unha hora de aparcamento gratis todos os días da semana, incluído sábados e domingos”.