Sin categoría

Concentración na Ramallosa por unha volta segura ás aulas

As ANPAS do Val Miñor concentráronse este martes na Ramallosa para amosar o seu total rexeite ao protocolo de volta ao cole da Xunta de Galicia e denunciar o total abandono por parte da Consellería de Educación. CCOO, CIG, CUT, Sindicato de Estudiantes, STEF, FAVALMI e FOANPAS piden ao Goberno Autonómico que poña todos os medios axeitados ás necesidades reais da comunidade educativa por unha volta segura ás aulas.

  • Que se establezan directrices específicas acompañadas de valoración, actuación e certificación de equipos técnicos (Educación e Sanidade) que garanten a seguridade nos centros educativos dende a entrada ás instalacións ata a saída, así como os medios materiais.
  • Distancia física mínima entre estudantes de 1,5 metros en todas as direccións, e en todas as actividades (entradas e saídas, comedores, transporte, madrugadores, etc).
  • Uso xeral de máscaras nos centros educativos e no transporte escolar, subministradas polas administracións, contemplando e regulando as posibles excepcións por necesidades didácticas ou de saúde.
  • Redución de ratios de xeito que se respecte esta distancia mínima en todos os niveis e etapas educativas.
  • Contratación de máis persoal para garantir a atención ao alumnado e o cumprimento das medidas de protección e a eventualidade de ter que simultanear ensino presencial e a distancia.
  • Negociación e regularización de eventuais adaptacións de horarios.
  • Avaliación de riscos individualizada para cada centro por parte do Servizo de Prevención de Riscos Laborais e que a Administración asuma as súas responsabilidades sen delegar nas familias, nas direccións ou nos docentes.

  • Presenza de persoal sanitario en cada centro.
  • Aplicación das condicións anteriores ao 12 de xullo para a xestión das solicitudes de vulnerabilidade.
  • Garantir a atención ao alumnado con necesidades educativas específicas de apoio educativo.
  • Incrementar o orzamento para dotar aos centros cos equipos e o material necesarios, para alumnado e profesora, así como para afrontar os gastos derivados do subministro de material de protección e hixiene pola Covid, de xeito que ditos gastos non recaian nos propios centros.
  • Aumento do persoal de limpeza, que é o que está realmente capacitado para esta función, non o alumnado nin o profesorado.

Así mesmo, solicitan a todas as familias que os días de folga, 10 e 16 de setembro, non envíen aos seus nenos e nenas aos centros educativos.

“Estamos nun momento moi delicado no ensino público e agora máis que nunca temos que visibilizar e valorar o que significativa a comunidade educativa facendo un esforzo na vía das reivindicacións que toda a comunidade educativa está a demandar”.