Sin categoría

Podemos rexeita privatizar o servizo de recollida de residuos e de limpeza de Baiona

Ante a saída a debate da posibilidade de privatizar o servizo de recollida de residuos sólidos urbanos, RSU, e limpeza viaria de Baiona que expón o concelleiro de Facenda e Recursos Humanos, Carlos de la Peña, dende o Círculo de Podemos Baiona preocúpalles a súa proposta e rexeitan a súa viabilidade. “Cremos que aumentaría o gasto público sen un retorno económico/laboral para a nosa veciñanza e instamos ao Concello a manter e mellorar o modelo actual”.

Dende a agrupación defenden un modelo público mancomunado, en colaboración cos concellos do Val Miñor, apostando pola xeración de emprego e o investimento en medios e materiais para a súa modernización, un modelo de recollida e tratamento máis sostible. “Tamén queremos expresar a nosa preocupación pola situación do punto limpo de Baiña, que precisa de melloras na súa funcionalidade e instalacións (como se están a acometer noutros concellos do Val Miñor e Baixo Miño)”.

Tamén condenan a proliferación de vertedoiros descontrolados e ilegais que están a aparecer en varios puntos do concello (Val de Martin en Baredo, Porta da Vila e Pino Manso en Baiona ou no Barrio das Escubichas en Sabarís, entre outros..), “que prexudican o medio ambiente e poñen en perigo a saúde da veciñanza e turistas”.

“Se algo destaca co actual tripartito en Baiona, é a urxente situación de mellora que precisa o servizo de limpeza, moi demandado pola propia veciñanza e turistas, sendo tendencia xeral dende o inicio do seu Goberno. Instamos á corporación municipal a solucionar esta situación polo ben común, apostando por servizos públicos municipalizados que permitan mellorar a imaxe e a salubridade da nosa vila en termos xerais”, conclúen.