O baionés Jesús Vázquez Almuiña non continuará como conselleiro de Sanidade

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asinou no día de hoxe o decreto de nomeamento dos membros do Executivo. O baionés Jesús Vázquez Almuiña non continuará como conselleiro de Sanidade, cargo que ocupou desde outubro de 2015, tras deixar a alcaldía de Baiona. Será relevado por Julio García Comesaña, Xerente da Área de Xestión Integrada de Vigo desde xullo de 2019 despois de selo da de Ourense, Verín e Barco de Valdeorras.

Jesús Vázquez Almuiña naceu en Baiona en 1962. Licenciado en Medicina e Cirurxía Xeral pola Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. Especialista en Medicina Familiar e Comunitaria e experto universitario en Admisión e Documentación Clínica pola Universidade Complutense de Madrid. Máster en Dereito Sanitario pola Universidade da Coruña.

Foi alcalde de Baiona desde 2004 e deputado provincial en Pontevedra desde 2003. Foi director provincial do Sergas de Pontevedra; director-xerente do Hospital Meixoeiro; coordinador do servizo de Admisión, Documentación Clínica e Atención ao Paciente do Hospital Meixoeiro de Vigo; e médico do Servizo de Admisión do mesmo hospital. Con anterioridade, foi tamén coordinador dos servizos de arquivo e Documentación Clínica e Atención ao Paciente en Povisa; xefe do Servizo de Recepción e Xestión de Pacientes no mesmo centro e médico no servizo de Urxencias.

Exerceu como médico de Medicina Familiar e Comunitaria na Unidade Docente de Segovia.