Baiona instala céspede artificial no CEIP de Belesar

O CEIP de Belesar estreará o curso escolar coa recente instalación de céspede artificial por parte da Concellería de Vías e Obras de Baiona. O Concelleiro, Óscar Martínez, indicou que a intervención dá resposta á petición expresada polas nais e pais dos escolares, así como polos responsables do centro educativo.

“Dispúxose unha capa de xabre, retirándose as pedras existentes, para despois colocar o céspede artificial nunha superficie aproximada de 200 metros cadrados, podendo así os pequenos xogar con maior comodidade”. Martínez asegurou que a actuación busca mellorar a seguridade no centro para os máis pequenos, ademais de presentarse como a mellor opción en termos de sostibilidade e mantemento.

O Alcalde, Carlos Gómez, destacou que con esta mellora nas instalacións “o Concello reafirma o seu compromiso coa educación pública de calidade e cos cativos do municipio”.