Arrancan en Baiona os Roteiros Literarios e de Arquitectura da Deputación con todas as prazas esgotadas

Éxito rotundo dos Roteiros Literarios e de Arquitectura programados pola Deputación de Pontevedra nesta recta final do verán. As doce rutas previstas para os meses de setembro e outubro, enmarcadas na programación para a “Re-Acción Cultural” na provincia, esgotaron as preto de 300 prazas ofertadas xa durante a pasada fin de semana desbordando todas as previsións, despois de abrise o prazo de inscrición o día antes. Así mesmo, a lista de agarda para cada un dos roteiros supera tamén as vinte persoas.

A excepcional acollida desta nova edición dos roteiros, así como ás distintas propostas organizadas durante os últimos meses pola institución provincial, amosa o interese da cidadanía por seguir desfrutando das actividades culturais a pesar das actuais circunstancias e supón un respaldo á aposta da institución provincial por potenciar este sector e as iniciativas para poñelo en valor.

Os seis Roteiros Literarios, paseos nos que autores e autoras comentarán os escenarios de obras propias ou alleas, están organizados pola Deputación e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e arrancarán precisamente este domingo 6 de setembro en Baiona. Nesta vila a autora Iria Misa comentará os escenarios da súa obra Segredos no solpor. As seguintes camiñadas se celebrarán en Vilagarcía (13 de setembro) cun roteiro arredor da obra O xardineiro dos ingleses, que conducirá o escritor desta obra, Marcos Calveiro e en Cerdedo-Cotobade (20 de setembro), coa ruta literaria e etnográfica que guiará o profesor e etnógrafo Calros Solla. O 27 de setembro Manrique Fernández conducirá un paseo polos espazos vinculados á literatura en Ponteareas e o 4 de outubro Xosé Monteagudo fará un repaso pola vida cultural, política e social na cidade de Pontevedra, protagonista da súa obra Todo canto fomos. Os roteiros rematarán o 10 de outubro coa ruta guiada por Anselmo López Carreira sobre o Vigo Medieval.

En canto aos seis Roteiros de Arquitectura, a institución provincial organízaos xunto a Academia Galega de Belas Artes e teñen como eixo central o Barroco galego, despois da conmemoración do Día das Artes Galegas deste ano dedicada á figura do arquitecto Domingo de Andrade. Estarán guiados por tres expertas en arquitectura e historia, Estefanía López, Paula Pita e Luz Paz e chegarán a todas as comarcas da provincia. Os paseos serán os sábados e comezarán o 12 de setembro en Pontevedra e Poio, coa visita aos pazos urbanos de Pontevedra e ás igrexas da Peregrina e San Bartolomé na cidade do Lérez, así como ao Mosteiro de Poio.

Posteriormente, continuarán o 19 de setembro por espazos representativos deste estilo arquitectónico en Vilagarcía e Cambados (templo de Santiago do Carril e Pazo de Fefiñáns) e o día 26 por Tui, onde precisamente se sitúa unha das obras de Domingo de Andrade, a catedral. Nesta localidade as e os participantes farán un paseo a pé e visitarán a capela de San Telmo, o Convento da Concepción e a Igrexa de San Francisco, mentres que logo se desprazarán á Fortaleza de Salvaterra. Xa en outubro, o día 3 as rutas chegarán a diversos lugares dos concellos de Vigo (Pazo de Castrelos, Museo e Xardíns), Nigrán (Templo Votivo do Mar en Panxón) e Baiona (Igrexa de Santa Liberata e ponte da Ramallosa); o 10 de outubro a espazos barrocos de Bueu (Capela dos Santos Reis, Museo Massó, Igrexa de San Cibrán de Aldán) e Cangas (Finca do Frendoal e Cruceiro de Hío) e o día 17 finalizarán cunha ruta por pazos en Lalín (Pazo de Liñares) e A Estrada (Pazo de Oca).

O desenvolvemento destas rutas, como subliñou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, durante a presentación destas iniciativas, estará guiado por un estrito protocolo con todas as medidas de seguridade e garantías sanitarias fronte á Covid-19 e, deste xeito, os desprazamentos aos lugares de partida deberán facerse por medios particulares. Será obrigado o uso de máscara entre os e as participantes.