A baionesa Ainhoa Raparaz proclámase campioa galega absoluta nos 100 metros

FOTO: @FOTOCARLOSGRAFÍAS

Rematou un intensísimo fin de semana que acollería nas pistas Universitarias de Elviña as disputas dos Campionatos de Galicia Absolutos, Sub23, Sub20, Sub18 e de Combinadas, baixo un estrito protocolo COVID19 que obrigou a adoptar importantes medidas de adaptación no desenvolvemento das probas. Malia elo, polas pistas coruñesas pasaría un importantísimo elenco de atletas internacionais que quixeron tomar parte na cita máis importante do ano do atletismo galego.

Na categoría feminina absoluta saltaría a sorpresa logo da eliminación dunha das claras favoritas, a subcampioa paramundialista dos 100 m. e 200 m. Adi Iglesias do Lucus Caixa Rural, quen quedaría eliminada logo dunha saída nula. O seu posto nos 100 m. sería ocupado pola baionesa Sub16 Ainhoa Raparaz do Val Miñor cun tempo de 12.44, batendo a súa marca persoal e sendo con tan só 14 anos a primeira en facelos a esa idade -cumpriu os 15 este luns-.

Nestes campionatos, celebrados desde o venres 28 ata o domingo 30, tamén participaron da Sociedade Atlética do Val Miñor Juan Manuel González (4º en 5000m Sub20), Sergio Souto (4º en 800m Sub18), Álex Román (campión en 800m e 3º en 400m Sub20), Ricardo Cortizo (2º en 400m e 3º en 800m Sub20) e Marina Prieto (2ª en 200m e 3ª en 400m Sub20).