Cine, concertos e o festival Brevescénica para pechar o Baiverán de Baiona

Arranca o mes de setembro e a Concellería de Cultura do Concello de Baiona continúa ofrecendo alternativas culturais e de lecer para veciños e visitantes de Baiona.

Esta semana, o cine, os concertos e o festival Brevescénica protagonizan a programación.

Hoxe martes, proxéctase en pantalla xigante, no Parque da Palma, ás 22:00 horas, o éxito de taquilla “Padre no hay más que uno”.

Mañá mércores, terá lugar o concerto de Atlantic’s (ás 20:30 horas no Parque da Palma). O grupo indie de Nigrán ten un repertorio fresco e expresivo e un potente directo.

O xoves, tamén no Parque da Palma, ás 20:30 horas, subiranse ao escenario os músicos Tonichi y Pacheco, unha proposta artística que mestura o virtuosismo musical centrado nas grandes figuras da guitarra cunha ampla selección de cancións e toques de humor.

O venres e o sábado celébrase en Baiona o microfestival “Brevescénica”, unha aposta polas artes escénicas e o teatro. O venres, na rúa Carabela Padre Fernando, ás 19:00 horas, Helen Bertels súbese ao escenario co seu espectáculo “Poemas para llevar”. Dúas horas despois, no hall do Concello e con aforo limitado, Marta Pérez representará “Sofía”. Xa o sábado, a actriz Arantxa Treus representará o seu espectáculo “Sorpresa” nos Xardíns da Casa da Navegación, ás 20:00 horas. Ás 21:00 horas, no hall do Concello e con aforo limitado, é a quenda de Paula Sanmartín con “Desvío I”.

O domingo día 6, tamén no Parque da Palma ás 20:30 horas da noite, terá lugar o último concerto do Baiverán. Para pechar estarán os baioneses La Patrulla. A formación naceu no ano 2015 como grupo de versións de éxitos dos anos 80, 90 e da actualidade.

Todos os espectáculos estarán supervisados por un técnico de prevención que certificará que o espectáculo sexa seguro tanto para os profesionais que actuarán no Baiverán como para o público en xeral.