Máis de 5.300 persoas participaron na campaña da Xunta para promover un turismo seguro

Máis de 5.300 persoas visitaron este verán o espazo informativo móbil Galicia destino seguro incluído na campaña de concienciación coa que a Xunta de Galicia promoveu desde xullo un turismo seguro en 23 localidades galegas, que este domingo rematou o seu percorrido no concello de Tui.

Desde esta unidade móbil, que recibiu unha media de 215 visitantes diarios e funcionou como oficina de turismo itinerante, informouse aos viaxeiros e aos propios galegos dos recursos turísticos dispoñibles na nosa Comunidade e a potencialidade de Galicia como destino seguro. Contouse coa atención de profesionais da información turística e difundiuse o destino, poñendo en valor recursos como o Camiño de Santiago, a paisaxe, a natureza, a enogastronomía ou o patrimonio cultural.

A iniciativa deu comezo en xullo en Santiago de Compostela e continuou por algúns dos principais destinos turísticos galegos, urbanos, de costa e tamén de interior. Formaron parte do percorrido zonas como Ferrol, A Coruña, Ribeira, Betanzos, Rianxo, Lugo, Monforte de Lemos, Sarria e Viveiro, Ourense, O Carballiño, Pontevedra e Poio. Nas últimas semanas estivo no Salnés, con Sanxenxo, O Grove, Cambados e Vilagarcía de Arousa como parte do seu percorrido, así como en Cangas, Vigo ou Nigrán. As últimas paradas foron Baiona, este sábado, para rematar o domingo en Tui.

Plan de Reactivación

Esta campaña itinerante enmárcase na batería de medidas postas en marcha pola Xunta para ofrecer seguridade e protección aos viaxeiros, traballadores e galegos no actual escenario e forma parte do Plan de Reactivación do sector cultural e turístico.

Para o sector profesional, o Goberno autonómico está a actuar en catro ámbitos: a información, coa publicación e posta a disposición de materiais con recomendacións e medidas preventivas en materia hixiénico-sanitaria; a formación, a través de diferentes cursos gratuítos e certificables, o asesoramento e o financiamento para que empresas e profesionais do sector turístico se adapten en materia de seguridade sanitaria.