O Abril Verde de Luis Pérez Canal, Premio Nacional de Vela ao monotipo do ano

O J70 Abril Verde, patroneado polo ourensán Luis Pérez Canal, foi distinguido co Premio Nacional de Vela Terras Gauda ao monotipo do ano pola súa consecución do título de campión de Europa Corinthian no Lago dei Garda (Italia), nun campionato no que participaron 130 embarcacións.

Tras lograr o bronce no europeo de 2018, a tripulación do Abril Verde conseguiu o ano pasado mellorar resultados e subirse todo o máis alto do podio da categoría amateur, superando aos 36 rivais da súa división. Os do Real Club Náutico de Vigo fixéronse co título que perseguían conseguindo, ademais, quedar oitavos na xeral absoluta do campionato.

A tripulación estivo liderada polo ourensán Luis Pérez Canal, unha das figuras máis relevantes da vela en Galicia na actualidade. No seu currículo náutico destaca o ser campión galego de Optimist, subcampión de España de Laser e promotor dalgúns dos proxectos máis exitosos da vela autonómica galega, como o propio J70 Abril Verde (podio en 4 dos últimos 5 circuítos anuais de J70 en España, Campión de España Corinthian e Campión de Europa Corinthian) e o Aceites Abril, un cruceiro que asinou numerosas vitorias nas regatas máis importantes de Galicia, como o Trofeo Príncipe de Asturias, o Trofeo Conde de Gondomar, o Trofeo Repsol ou a Regata Rías Baixas, da que se acaba de proclamar recentemente vencedor.

Xunto a el, completaban a tripulación que se fixo co campionato de Europa Carlos Sanmartín, Eduardo Reguera, Juan de Cominges e Luis Darocha. O próximo 5 de setembro recollerán o Premio Nacional de Vela Terras Gauda ao monotipo do ano nunha gala que se celebrará en Baiona baixo a organización do Monte Real Club de Yates.