Nigrán acolle a campaña de concienciación da Xunta para promover un turismo seguro

No marco do programa Galicia destino seguro, a Xunta de Galicia escolleu esta semana a comarca de Vigo para dar continuidade á campaña itinerante de concienciación que durante todo o verán está promovendo un turismo seguro en distintos puntos de Galicia. O espazo informativo móbil estará mañá mércores e o xoves na cidade de Vigo na rúa Concepción Arenal na zona anexa á delegación da Xunta de Galicia. O venres estará en Nigrán, concretamente en Praia América, na desembocadura do río Muíños.

Desde alí informarase aos viaxeiros e aos propios galegos dos recursos turísticos dispoñibles na nosa Comunidade e a potencialidade de Galicia como destino seguro. A unidade móbil que funciona a modo de oficina de turismo permanecerá aberta en horario de 11,00 a 14,00 e de 16,00 a 21,00 horas e está atendida por profesionais da información turística e difunde o destino, poñendo en valor recursos como o Camiño de Santiago, a paisaxe, a natureza, a enogastronomía ou o patrimonio cultural.

Continúa así a iniciativa, que comezou en xullo Santiago de Compostela percorrendo varios dos principais municipios turísticos. Así, fixo parada xa en Ferrol, A Coruña, Ribeira, Betanzos, Rianxo, Lugo, Monforte, Sarria e Viveiro, Ourense, O Carballiño, Pontevedra e Poio. A semana pasada estivo no O Salnés, con Sanxenxo, O Grove, Cambados e Vilagarcía de Arousa como parte do seu percorrido.

A campaña itinerante enmárcase na batería de medidas postas en marcha pola Xunta para garantir seguridade e protección aos viaxeiros, traballadores e galegos no actual escenario. Enmárcase no Plan de Reactivación do sector turístico aprobado o pasado mes de abril que inclúe accións para promover Galicia como un destino seguro, con accións que axuden a xerar liquidez no tecido empresarial e o incentivar o consumo.