Os Premios Nacionais de Vela recoñecen o traballo do fotógrafo Nico Martínez

O fotógrafo mallorquino Nico Martínez será distinguido o próximo 5 de setembro en Baiona co Premio Mariano Augado de Comunicación dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda pola súa contribución á difusión e promoción do deporte náutico a través das súas fotografías. Esta é a primeira vez nos 28 anos de historia dos prestixiosos galardóns que este premio recae nun fotógrafo, xa que ata o momento só recibíano, xornalistas, medios de comunicación, webs, blogues, axencias e produtoras.

A piques de cumprir 63 anos, Nico Martínez leva máis de media vida detrás dun obxectivo. Empezou como fotógrafo náutico en 1985 facendo colaboracións con Nautic Press, un magazine que cubría as regatas de Palma de Mallorca. Apenas 5 anos despois, entraría en contacto coa revista Yate, coa que viaxou por España e Francia; e pouco despois convertíase en fotógrafo da revista Navegar, empezando a traballar para eventos como a Copa do Rey ou o Trofeo Princesa Sofía.

Pero foi en 1995 cando empezou a ser realmente recoñecido como fotógrafo náutico grazas ao seu traballo para a Copa América en San Diego como fotógrafo oficial do “Rioja España”. Daba así Martínez o seu gran salto profesional e organizacións e equipos de regata empezaron a rifárseo para cubrir o circuíto de alto nivel de España. No ano 2000 volveu repetir coa Copa América, esta vez en Nova Zelandia, enviando diariamente fotos do “Bravo España” á axencia EFE; e en 2007 fixo o propio co “Desafío Español” na Copa América de Valencia.

Os circuítos internacionais de TP52 e RC44, a Barcelona World Race, a Copa do Rey, o Trofeo Princesa Sofía ou regatas de vela clásica son algúns dos seus numerosos traballos recoñecidos a nivel mundial, moitos deles publicados en revistas de prestixio internacional como Yachting World, Seahorse ou Yachts. En 2016 marcou outro fito na súa carreira ao gañar o primeiro premio no Yacht Racing Forum Award.