O Mercado de Baiona estrea a súa propia cervexa e regala unha scooter

O Mercado de Baiona presentou este sábado a súa nova campaña “Todo vai ir sobre rodas”, na que sortearán unha moto scooter de 125 cc, que inclúe baúl e casco, e que estará exposta dentro do mercado. Ao acto asistiu o alcalde, Carlos Gómez, xunto co concelleiro de Comercio e Mercado, Víctor Muñoz, e o e presidente e xerente de Aceba, Marcos Comesaña e Carlos Fernández, ademais dos praceiros.

Para participar no sorteo hai que adquirir unha rifa de tan só 1 euro. O número gañador será o que coincida coas catro últimas cifras do Gordo de Nadal, que se celebra o 22 de decembro. Co diñeiro recadado na campaña, na que colabora o Concello de Baiona, Aceba e Abanca, organizaranse actividades culturais na Praza de Abastos para as festas de Nadal, co obxectivo de dinamizar o Mercado.

Tamén aproveitaron para presentar a súa propia cervexa artesá “Cocina Mercado”, unha receita única para este proxecto, de estilo inglés, sen filtrar, “porque o que se buscaba era basicamente que fose todo moi puro”. Segundo explicou Andrés Toledano, da empresa Trisk- Ale, encargada da súa elaboración e posuidora do establecemento La Micro no propio Mercado, “ao non filtrar esa cervexa o que conseguimos tamén é que toda a malta estea presente, que che lembre a unha panadería, que toda a parte do lúpulo tamén estea presente, que che lembre a toda a parte floral, vexetal… que poida levar a cervexa”.

Toledano destacou que se trata dunha cervexa que ten o seu corpo, con 6 graos de alcol, pensada para transmitir un pouco o que podería ser a cociña do mercado, “algo moi puro, moi fino pero non refinado, buscamos a naturalidade. É unha cervexa que está a gustar moito”.

IMG_1745