Logo dun cese de actividades provocado pola crise da COVID-19, o campo do Aral volverá a encherse de vida o vindeiro luns, 24 de agosto, co reinicio da actividade do Erizana CF, que retoma os adestramentos en todas as súas categorías que abranguen, dende os máis pequenos da categoría “chupete”, ata os sénior.
Para esa volta a actividade, o club vén de establecer un protocolo de seguridade fronte á COVID-19 que permita a práctica deportiva de todos e todas con as máximas garantías sanitarias.
O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, que cualificou de “moi boa noticia” á volta a actividade do club, animou a todas as nais e pais, así como a veciñanza, a colaborar no seguimento do protocolo sanitario e de seguridade establecido polo club e lembrou a importancia de seguir as directrices marcadas polo Erizana CF (responsable da posta en marcha e seguimento de dito protocolo) “porque estamos a falar da seguridade dos nosos nenos e nenas”. A COVID-19, afirmou o alcalde de Baiona, “é unha triste realidade, que está aí e coa que temos que convivir”.
Gómez asegurou que o Erizana “vén traballando arreo” dende hai tempo para poder afrontar o reinicio das súas actividades o vindeiro luns “con todas as garantías” pero, engadiu, “iso non se pode conseguir sen a implicación das nais, pais e familias á hora de seguir, estritamente, o protocolo de seguridade establecido pola dirección do club”.

