Nigrán homenaxea ao grupo Milladoiro coa plantación do “Bosque de Maeloc”

O Concello de Nigrán celebrou este sábado en Chandebrito o festival Chandefolk co concerto do emblemático grupo Milladoiro despois de homenaxealos pola tarde mediante a plantación do “Bosque de Maeloc” e o descubrimento dun monumento ex profeso que representa, precisamente, un milladoiro. Concello de Nigrán e Comunidade de Montes quixeron deste xeito realizar un recoñecemento público deste grupo de referencia no folk galego e, en particular, da figura do seu membro fundador Antón Seoane (guitarra, acordeón e teclados de 1979 a 2013) e quen elixiu a parroquia de Camos para vivir hai preto xa de 20 anos.

“Chandefolk celebra a súa terceira edición cun grupo de absoluta referencia, Historia viva da rexeneración do folk galego, e do que en Nigrán nos sentimos especialmente orgullosos por contar con Seoane como veciño, tiñamos unha débeda pendente neste sentido”, destaca o alcalde, Juan González.

Os membros actuais da banda xunto a Seoane, goberno de Nigrán, Comunidade de Montes e veciños, foron os encargados de reforestar 7.000 metros cadrados do Outeiro de As Laxes con 40 especies autóctonas no que xa quedou bautizado como “Bosque de Maeloc” en homenaxe á publicación no 1980 do seu primeiro disco “A Galicia de Maeloc” (este traballo de Antón Seoane e Rodrigo Romaní foi o primeiro disco galego en editarse no mercado francés e o primeiro na historia do folk galego no que se mestura gaita galega, ocarina, zanfona, arpa, clavecín ou frautas). Precisamente, a superficie rexenerada resultara calcinada nos incendios de 2017 e foi “deseucaliptilizada” antes da reforestación para plantar no seu lugar 10 bidueiros, 10 cerdeiras, 10 nogueiras e 10 castiñeiros.

“Representar nun bosque o disco “A Galicia de Maeloc” é algo marabilloso porque está cheo de simbolismo e de paralelismos. Fixemos un traballo musical que puxo en valor o noso folclore e as nosas raíces e agora quedará plasmado nun bosque que parte dun terreo calcinado onde medraban especies invasoras”, explicou Antón Seoane ante o monumento do “Milladoiro” realizado ex profeso polo colectivo “Arte no Queimado” por encargo da Comunidade de Montes da parroquia. Así, desde onte o cume do Outeiro de As Laxes está coroado por un gran milladoiro de 4 metros de altura elaborado con 40 cubos de granito de 60×60 cm procedentes da canteira de Chandebrito Lemmar Granite e unha zanfona de aceiro cortén sobresaíndo del. O monumento do que adoitou o nome o grupo representa os lugares sagrados nos que os peregrinos que fan o Camiño de Santiago depositan pedras, polo que está chamado a ser un novo lugar emblemático da parroquia, como xa o son os dous pulmóns xigantes elaborados polo mesmo colectivo artístico con madeira calcinada con motivo do segundo aniversario dos incendios.