“Tivo que ser a Xustiza quen puxo as cousas no seu sitio”

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

A Vila de Gondomar ten o privilexio de contar cunha Praza de Abastos, como mínimo, dende o S. XIX, que xunto co mercado e a feira de gando foron durante décadas os principais motores da economía local. Foi por este motivo que dende antigo os gobernantes lle prestasen tanta atención, dependendo sempre a súa xestión dos poderes públicos até a actualidade. No caso da Praza de Abastos de Gondomar a súa xestión segue a ser municipal, favorecendo a quen nela se instale cunha serie de vantaxes fiscais, de redución de impostos, taxas, gratuidade de servizos, etc.

Daquela, estamos diante dun ben público (estratéxico) de titularidade municipal que ten como obxectivo principal dinamizar a economía local, estando a súa xestión sometida á lei que regula as concesións e os contratos públicos. Pois ben, para Manifesto Miñor xustamente foi isto o que ignorou hai catro anos o Alcalde pretendendo adxudicar a dedo (por decreto) os postos da Praza de Abastos, “saltando por riba da Lei e do dereito dos cidadáns a poder concursar en libre concorrencia a un posto neste mercado público”.

“Tivo que ser a Xustiza quen puxo as cousas no seu sitio facendo “entrar en razón” ao Sr. Alcalde, que para máis Inri, presume de avogado. Dende Manifesto Miñor alegrámonos que por fin se proceda a regularizar unha situación que leva máis de 50 anos enquistada con prácticas dentro da Praza de Abastos non sempre axustadas á normativa vixente, por exemplo: traspasos, alugueiros, ou simplemente herdar un posto cando se trata dun ben público propiedade municipal”, lamenta Antonio Araújo.

“Manifesto Miñor tiña razón –continúa Araújo- e lamentamos que por cuestións de cálculo electoral (romper o goberno, etc) o Sr. Ferreira enganara aos praceiros paralizando un proceso impecablemente deseñado polo concelleiro de Comercio, Xosé Antón Araúxo, co prace dos técnicos municipais como quedou demostrado e ratificado pola Xustiza. Esta irresponsabilidade do Sr. Alcalde fixo que nestes catro anos a Praza de Abastos de Gondomar perdese importantes oportunidades de acceder a fondos europeos e diferentes axudas, que hoxe farían que Gondomar tivera a súa Praza de Abastos dentro do ranking de Mercados de Excelencia do Estado”.

Araújo afirma que en política non todo vale, “e os políticos somos antes que nada servidores públicos coa obriga de poñer por diante dos nosos intereses partidarios ou persoais a defensa do ben común. Paco Ferreira fixo xustamente o contrario mentíndolle aos parceiros, que tamén hai que dicilo se deixaron engaiolar polas palabras do Alcalde, chegando a se manifestar inxustamente contra quen actuaba ao seu favor coa verdade e a Lei por diante”.

Dende Manifesto Miñor anuncian que estarán vixilantes para que se cumpran escrupulosamente as normas que dende agora rexerán o funcionamento da Praza de Abastos e as bases que serviron para regularizar unha situación tan vella e enquistada como a propia Praza, así como para que volvan sacar a concurso aqueles postos sobrantes ou que vaian quedando baleiros.