O Baiverán adianta os horarios e aumenta os días para reprogramar os concertos aprazados

O próximo martes continúan as actividades culturais programadas polo Concello de Baiona e o seu departamento de Cultura dentro do Baiverán 2020. Concertos, cine e humor protagonizan a semana.

O cine inaugura esta última semana de agosto coa proxección da película infantil “Mascotas 2”. Será no Parque da Palma, ás 22:00 horas.

O mércores, ás 20:30 horas no Parque da Palma, é a quenda do humor da man de Stephy Llaryora e o seu monólogo “Eu quero ser galega”. Trátase dun espectáculo baseado nunha personaxe que é vasca pero quere ser galega. Unha divertida historia xunto a unha peculiar compañeira de aventuras.

O xoves volve a música en directo ao Parque da Palma, tamén ás 20:30 horas, a cargo do grupo Maldito Murhpy. Foi no 2015 cando Juan Castro, compositor e alma mater deste grupo vigués, comezou a presentar as súas cancións nalgúns escenarios. O proxecto creceu e como banda lanzaron o seu primeiro disco en 2017.

O venres en Sabarís, na Praza Victoria Cadaval, concerto de Greenwater, ás 20:30 horas, unha banda tributo aos míticos Creedence Clearwater Revival.

O sábado 29 ás 20:30 horas, a banda miñorana de rock The Mirror presenta o álbum debut de rock en inglés cun son fresco, contundente e marcado pola orixinalidade das traballadas e sentidas harmonías dos seus dous vocalistas (feminina e masculino) que tanto caracterizan á banda e que prometen non deixar a ninguén indiferente.

Todos os espectáculos estarán supervisados por un técnico de prevención que certificará que o espectáculo sexa seguro tanto para os profesionais que actuarán no Baiverán como para o público en xeral.