O equipo olímpico formado por Jordi Xammar e Nico Rodríguez recibirá un dos Premio Nacionais de Vela

O tándem formado polo catalán Jordi Xammar (Barcelona, 1993) e o galego Nicolás Rodríguez (Vigo, 1991) recibirá o próximo 5 de setembro en Baiona o Premio Nacional de Vela Terras Gauda que os recoñece como mellor equipo olímpico.

O xurado que outorga os galardóns quixo distinguilos pola súa brillante actuación ao longo de 2019, un ano no que lograron ser subcampións de Europa e do mundo; ademais de conseguir o bronce no Preolímpico (Test Event) dos Xogos Olímpicos Tokio 2020 e facerse coa World Cup de Miami, que neste 2020 revalidaron por segundo ano consecutivo.

O dúo formado polo barcelonés (Club Náutico Cambrils) e o vigués (Real Club Náutico de Vigo) navega xunto desde setembro de 2016, cando o compañeiro de Jordi Xammar por aquel entón, Joan Herp, decidiu abandonar as competicións para seguir cos seus estudos. Tras o duodécimo posto logrado nas olimpíadas de Río de Janeiro, o patrón catalán necesitaba un novo tripulante para prepararse para Tokio 2020 e atopouno en Nico Rodríguez. O vigués, que se atopaba en Canarias pendente de trasladarse a Holanda para dedicarse á odontoloxía, decidiu deixar en stand by esa viaxe para aceptar a proposta de Xammar de empezar a navegar con el.

O seu debut como equipo nunha proba de alta competición foi en xaneiro de 2017 no Campionato de Estados Unidos, no que lograron un meritorio terceiro posto, e desde entón encadearon éxito tras éxito. Participaron en máis de 15 probas de alto nivel, logrando podio en 12 delas. Na actualidade adestran con Gideon Kliger e Juan de la Fuente, ocupan o posto número 2 da clasificación mundial e son a gran esperanza para a vela olímpica española.

O vindeiro sábado 5 de setembro recibirán en Baiona o premio ao mellor equipo olímpico na gala dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda que organizará un ano máis o Monte Real Club de Yates no marco do Trofeo Príncipe de Asturias.