Nigrán celebra desde o xoves na Ramallosa o seu festival da cervexa artesán

As principais marcas de cervexa artesanal de toda Galicia, unidas a unha de Madrid e outra do Bierzo, volven a protagonizar desde este xoves 20 ata o domingo 23 na Alameda de A Ramallosa a cuarta edición do “Val Miñor Fest”, o primeiro festival de toda a comarca dedicado á súa degustación e na que estará presente a cervexa creada este verán pola empresa local Trisk-Ale baixo o nome “Nigrán, equilibrio natural”. Nesta ocasión, este evento organizado por Concello, Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns e Trisk-Ale será en formato reducido por cuestións de seguridade sanitaria, con aforo limitado, desinfección de mans e control de temperatura aos asistentes e mesas mantendo distancias, recordando a organización a obrigatoriedade de empregar máscara.

Unha vez máis será unha feira pensada para un público familiar, contando con foodtrucks con diferentes propostas culinarias para acompañar a cervexa e con concertos protagonizados por grupos con fonda raigame en Nigrán todos os días ás 22:00 horas. Así, Grooving Folks será a banda encargada de abrir o xoves o festival, seguindo o venres con Swing du Monde, sábado Los Chili Compadres e domingo 23 Blue Monk. “Queremos que esta sexa unha ocasión tamén para promover aos músicos de Nigrán nun momento especialmente complicado para os dous sectores, o da música e o da cervexa artesá a consecuencia de reducirse o ocio. Non cabe dúbida que para o Concello é unha edición moi especial porque temos a cervexa “Nigrán, Equilibrio Natural” no mercado grazas a Trisk-Ale”, incide o alcalde, Juan González.

As firmas de cervexa artesá que estarán presentes son Trisk-Ale de Nigrán, Atlántica e Nós de Vigo, The One Beer de Sanxenxo, Ale Ale Uxes de A Coruña, Bubela de Lugo, Castreña do Bierzo e Go de Madrid. “Todas as marcas terán prezos máis baratos que o habitual e haberá para todos os gustos: cervexa rubia tradicional, suaves ou de máis gradación…”, explica Esteban Loureiro, portavoz da asociación, quen incide en que o obxectivo “é promocionar o consumo deste produto artesá nuns intres moi difíciles para o sector por mor da crise sanitaria, polo que máis que nunca precisamos do apoio dos nosos consumidores habituais”.