Nigrán abre o prazo de inscrición para a ruta guiada polo sendeiro circular das Medoñas

O Concello de Nigrán ten aberto o prazo de inscrición no mail turismo@nigran.org para participar no seu roteiro guiado este xoves polo sendeiro circular das Medoñas (Priegue e Camos) dentro da súa programación #NigránEquilibrioNatural. Os interesados deben presentarse ás 10:00 do xoves 20 no Camiño do Monte, 21, en Priegue e, no caso de precisar intérprete de lingua de signos, deben solicitalo no mesmo mail de inscrición.

Esta é unha das rutas máis indicadas para coñecer as pegadas da nosa prehistoria, ademais de varios petróglifos cunha datación entre o 3.000/2.000 A.C. conformados en círculos concéntricos con cazoletas e canles, o sendeiro discorre xunto a mámoa das Requeixadas. O percorrido é de 8,5 km e a dificultade é media/alta cunha duración aproximada de 3,5 horas e no que gozaremos dunha vexetación constituída por un mosaico de pequenos bosques autóctonos de carballos, masas de especies de produción forestal como piñeiros, campos de labor e monte baixo, leguminosas como xestas e toxos formando a orla forestal. Destaca o bosque Atlántico do merendeiro de Camos ou o Miradoiro dos Outeiros.