Correos anima aos peregrinos e peregrinas a limpar o Camiño de Santiago

Correos pon en marcha unha iniciativa para que os peregrinos e peregrinas que estes días realizan o Camiño de Santiago contribúan á súa conservación ambiental. As 150 oficinas de Correos presentes nos diferentes Roteiros Xacobeos repartirán bolsas recicladas para que, a medida que realizan as etapas, poidan ir recollendo os plásticos e residuos que se atopen ou xeren.

As bolsas poden solicitarse nas Oficinas de Correos presentes no Camiño Francés desde Burguete (Navarra) e Canfranc (Huesca), no Camiño Primitivo desde Oviedo, no Camiño do Norte desde Irún, en Camiño Portugués desde Tui e desde A Guarda (Pontevedra), no Camiño Inglés desde Ferrol e desde A Coruña, na Vía da Prata desde Salamanca e Poboa de Sanabria (Zamora) e no Camiño de Inverno desde Ponferrada (León).

Esta actividade promovida por Correos está enmarcada entre o Día Mundial da Limpeza e o aniversario dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas.

Correos e un Camiño de Santiago Sostible

A iniciativa #CaminoSostenible impulsada por Correos pretende contribuír a evitar a deterioración dos Roteiros Xacobeos, coidar a súa contorna e preservar o seu rico patrimonio persoal, artístico e natural. Con ela, a empresa loxística alíñase de novo cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas (ODS) fixados na Axenda 2030.

Entre as metas ás que se poden sumar os peregrinos e peregrinas desde o Camiño de Santiago están os esforzos para protexer e salvagardar o patrimonio cultural e natural (obxectivo 11), velar pola conservación, o restablecemento e o uso sostible dos ecosistemas terrestres (obxectivo 15), protexer e restablecer os ecosistemas relacionados coa auga, incluídos os bosques, as montañas, os humedais, os ríos, acuíferos e lagos (obxectivo 6) ; lograr a xestión sostible e o uso eficiente dos recursos naturais, reducir a xeración de refugallos mediante actividades de prevención, redución, reciclado e reutilización (obxectivo 12) ou promover un turismo sostible que xere postos de traballo e promova a cultura e os produtos locais (obxectivo 8).

Toda a información sobre #CaminoSostenible está dispoñible na páxina web http://www.elcaminoconcorreos.com, onde ademais Correos ofrece descricións detalladas de todas as etapas do Camiño de Santiago e recolle os servizos que presta para axudar aos peregrinos antes, durante e despois de realizar o Roteiro Xacobeo.