Falece o menor que resultou ferido tras lanzarse á auga en Santa Marta

Pese ás iniciais boas novas sobre os avances da súa recuperación, unha serie de dificultades imprevistas acabaron coa vida do menor ferido o pasado 10 de xullo tras lanzarse de cabeza ao mar desde a rampla de acceso a embarcacións situada no paseo marítimo de Baiona, a poucos metros da Praia de Santa Marta. Os funerais celebraranse este luns, día 17 de agosto, ás 18:00 horas na Capela de San Cibrán, en Donas. A continuación terá lugar o enterro no cemiterio parroquial.

Este tomiñés de 13 anos con familia en Baiona, aínda que consciente, carecía de sensibilidade no corpo tras lanzarse ao mar e impactar de cabeza contra a zona onde non cubría. Os membros de Protección Civil procederon entón á colocación de collarín e taboleiro espinal con damas de elche. Unha vez cinchado e mobilizado en bloque, xa que se sospeitaba dunha lesión medular, elevárono ata a altura do paseo, xa que estaba a subir a marea e chegando a liña de auga ao varón.

O menor, ante a gravidade que derivada, foi trasladado nunha UVI móbil a urxencias pediátricas do Álvaro Cunqueiro, e derivado posteriormente en helicóptero de emerxencias ao CHUAC da Coruña. Ao día seguinte do suceso, Protección Civil colocou un cartel prohibindo lanzarse á auga desde a rampla na que resultou ferido o mozo.