Veciños de Nigrán mobilízanse contra o ruído e o vandalismo provocados polas festas nos Pazos

Desde fai cinco anos, as noites da fin de semana fanse insoportables para os veciños que residen na contorna dos Pazos de Cea e Urzáiz, en Nigrán. “O noso problema son as festas ao noso parecer ilegais que están a facer e que provocan que haxa un ruído que impide durmir, desde o xoves ata o domingo”, denuncia César Cabreira, cuxa vivenda se atopa xusto á beira dun dos establecementos.

Segundo os veciños, son festas que provocan moito ruído e sobre todo vandalismo. “Esta xente cando sae das discotecas vai rompendo espellos de coches, raiando, tocando nos timbres das casas, rompendo macetas, levándose macetas de plantas para casa, facendo dano, e o problema que saen bébedos, saen en grupos, e é imposible dicirlles nada porque se enfrontan a ti, ameázanche, a última vez a min ameazáronme con darme unha coitelada”, afirma Cabreira.

Así mesmo denuncian que a Policía Local non fai nada, “porque seguimos pensando que hai unha man negra que está a parar todo isto”. “As denuncias que facemos no Concello non están a ter resultado porque se paralizan, fixemos unha recolección de firmas moi abundante, de 165 veciños, e tampouco recibe contestación, e o peor de todo é que indagando e buscando non existen licenzas que amparen este tipo de actividade. O pazo de abaixo non ten licenza de nada, pero é que nin para servir copas”.

Afirman que ás 00:30 empeza a chegar xente e as festas prolónganse ata as 7:30 da mañá. Natalia Costas, veciña de As Angustias, lembra que estamos a falar de dous Pazos declarados Ben de Interese Cultural, “e iso implica maior protección”. “Os problemas comezaron xa no 2013 e seguimos presentando reclamacións e denuncias basicamente polo ruído e todo o que conleva a mobilización de 2.000 ou 3.000 persoas de festa nun sitio onde non ten sentido”.

Visto que o Concello de Nigrán non fai caso aos seus escritos, este mércores celebrouse unha reunión para valorar a opción de denunciar, “ir directamente ao xulgado e que caia quen teña que caer, pero o que queremos é descansar”, asegura César Cabreira. “Nestas últimas dúas semanas non hai botellóns masivos fóra porque se fan dentro. Xa non nos queda moita vía máis que acudir á vía xudicial”, incide Natalia Costas.

Pola súa banda, o alcalde, Juan González, sinala que “somos moi conscientes do malestar dos veciños e estamos do seu lado, non nos gusta para nada a actividade que desenvolve o Pazo de Urzáiz as fins de semana e quereriamos que esta cesase inmediatamente, pero para iso temos que actuar con total seguridade xurídica e paso a paso, xa que eles aférranse ás físgoas legais da Comunicación Previa de Espectáculo Puntual da Xunta de Galicia para poder desenvolver estes eventos sen vulnerar a lei”.

González asegura que “estamos ante o mesmo caso da discoteca Ramallosa 2000, sufrina como veciño e mesmo sendo alcalde ata que conseguimos legalmente que cesasen de realizar a súa actividade nesas condicións que prexudicaban claramente aos veciños debido a ruídos, vandalismo e mesmo pelexas. De feito, a maioría das queixas sobre o Pazo de Urzáiz eran sobre o ruído, vandalismo e inseguridade viaria que provocaban as persoas ao abandonar o evento, neste sentido o problema solucionouse hai semanas porque non só reforzamos a vixilancia policial na zona impoñendo tamén sancións, senón que obrigamos á empresa a contratar seguridade privada que controla tamén a contorna do pazo, desde entón estes problemas nas rúas foron a moitísimo menos”.

“Agora o problema é máis o ruído que xera a música no interior, que entendemos que é molesta porque é ata altas horas e impide descansar con normalidade, por iso continuamos con esta batalla legal que, entendemos, é lenta, pero é a que temos que seguir porque non podemos ordenar un peche sen ter todo o respaldo xurídico do noso lado. Sentimos a situación dos veciños e pedímoslles un pouco de paciencia máis porque estamos moi preto de conseguir que cesamento”, conclúe o rexedor.