Baiona nomea “Fillo Adoptivo” da vila a Román Pereiro Alonso

O Concello de Baiona homenaxeou este venres a Román Pereiro Alonso co seu nomeamento como “Fillo Adoptivo” da Real Vila, acordado por unanimidade pola Comisión de Honras e Distincións. Esta distinción concédese, segundo o regulamento do Concello, “a aquelas persoas que, sen ser naturais do municipio, destaquen polas súas actuacións extraordinarias e os seus méritos singulares en favor do municipio de Baiona”.

Os xardíns do Arquivo Histórico e Biblioteca Municipal de Baiona acolleu un acto no que tamén estiveron presentes familiares e amigos do homenaxeado, así como o alcalde, Carlos Gómez, os portavoces dos demais grupos que compoñen a Corporación Municipal, Ángel Rodal, Carlos de la Peña, Iago Pereira e Rosa Piñeiro, e o ex rexedor Jesús Vázquez Almuiña, actual conselleiro de Sanidade.

Román Pereiro Alonso nace en Vigo no ano 1933. Estuda a carreira de Medicina na Universidade de Santiago onde licénciase no ano 1956. Amplía estudios en Madrid e París nos campos da fitopatoloxía e a anatomía patolóxica e comeza o seu desempeño profesional na clínica paterna, na viguesa Praza da Constitución.

Dende moi novo desenvolve polo arte unha paixón como coleccionista, crítico e dinamizador cultural paralela á da súa profesión. Foi un dos principais promotores de Atlántica, a confluencia de artistas que de 1980, na Casa da Cultura de Baiona, a 1983, dá un impulso renovador ás artes plásticas do país, perceptible aínda hoxe nos novos creadores.

Atlántica atopa en Baiona, fai corenta anos e grazas a Román Pereiro, as condicións físicas e culturais propicias para concretar aquela eclosión creativa, manifestación e xermolo dos novos tempos que estaban a chegar. Despois de Baiona, Santiago, Madrid e Vigo son prazas receptoras das diversas exposicións e mostras dos creadores adscritos a aquel fenómeno artístico e sociolóxico.

Do espírito de Atlántica nacería outra gran experiencia cultural de Román Pereiro xunto á súa dona, Malena Lepina, por desgraza falecida recentemente: “Baiona horizonte atlántico”, que se desenvolveu dende 1980 a 1992. Pola finca do Toutizal, no Loureiral baionés, deuse acollida aos creadores tanto de diversas xeracións como de ámbitos creativos. Dende Laxeiro ou Torrente Ballester a Antón Reixa e Menchu Lamas; de Din Matamoro a María do Carmen Kruckenberg; de Francisco Leiro a Antón Lamazares.

Dirixiu o museo do Real Club Celta de Vigo. Foi membro do padroado do Museo Municipal Quiñones de León e presidente da Asociación de Críticos de Arte de Galicia.

No ano 2002, a editorial Galaxia reúne no libro “A batalla de Rande, mapas e gravados (1699-1715)” unha das afeccións máis sostidas no tempo por Román Pereiro: a cartografía e os vellos gravados. Unha boa mostra desta colección exponse, en calidade de préstamo, dende a súa apertura no ano 2015, na Casa da Navegación de Baiona, espazo museístico onde Román Pereiro exerceu como membro do seu Consello asesor.