70 escolares participarán no XIII Torneo de Tenis Solidario de Baiona

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

A Concellería de Deportes de Baiona celebra este sábado 8 de xuño a XIII edición do Torneo Escolar de Tenis, que se disputará nas instalacións do Pavillón Municipal e no Pavillón Escolar do CPI Cova Terreña, co obxectivo de reforzar o programa deportivo escolar e a propia escola deportiva municipal de tenis. Participarán 70 nenos e nenas repartidos nas categorías Peques, Pre-Benxamín, Benxamín, Alevín e Infantil.

O torneo, ademais de buscar o propósito lúdico e deportivo, tamén ten unha connotación social un ano máis, xa que todos os participantes farán entrega de alimentos non perecedoiros para ser entregados á ONG local “Ayuda al Mundo Necesitado”.

A competición desenvolverase desde as 9:00 da mañá, horario previsto para confirmar participantes, entrega de dorsais, e localización de zonas de xogo, ata as 14:00 horas, momento no que se realizará a entrega de trofeos, agasallos a todos os participantes e sorteo de material deportivo.

Para o desenvolvemento do torneo habilitaranse cinco zonas, unha por categoría, contando con dúas pistas de tenis e catro de mini tenis para o seu desenvolvemento.