O PP de Baiona urxe a poñer solución á acumulación de lixo nas parroquias e a limpar as praias

O PP de Baiona urxe ao equipo de goberno actual a poñer solución “canto antes” á acumulación de lixo en distintos puntos das cinco parroquias do Concello. Unha situación que se leva prolongando durante todo o verán e que os veciños xa denunciaron en numerosas ocasións sen que o goberno local haxa actuado en todo este tempo.

Desde o grupo municipal popular consideran lamentable a “actitude incívica dalgunhas persoas” por depositar lixo fóra do horario e a data establecidos pero tamén a “pasividade” do goberno que dirixe o socialista Carlos Gómez por permitir que Baiona presente esta imaxe tan “bochornosa” e “antihixiénica” tanto para os propios veciños como tamén para os turistas que a visitan. “A falta de organización do departamento de Medio Ambiente e a descoordinación dos tres partidos que xestionan o Concello están a supoñer un retroceso en todos os sentidos para o municipio”, opinan os populares.

Praias con escasa limpeza

Este problema de salubridade ocasionado por unha “nefasta” xestión do servizo de recollida de lixo afecta tamén as praias que, nunha situación sanitaria tan complicada como a provocada polo Covid-19 na que hai que extremar a hixiene, presentan un estado deplorable. “Desde o Concello o compromiso coas medidas anticovid é nulo. A limpeza dos areais deixa moito que desexar co perigo que iso supón para a saúde dos veciños e para a imaxe turística de Baiona nun momento especialmente complicado como o actual”, describen desde o PP.