Manifesto Miñor solicita a retirada de sedimentos na Ponte de Mañufe

Antonio Araújo, concelleiro do Grupo Municipal de Manifesto Miñor-En Marea, vén de presentar un escrito no Rexistro Municipal no que solicita ao alcalde de Gondomar que, coa máxima urxencia, se proceda a realizar os traballos de retirada de sedimentos na Ponte de Mañufe, para que a chegada do inverno e as enchentes non sigan deteriorando este importante elemento patrimonial, así como na medida do posible diminuír o risco de asolagamentos para as vivendas da zona.

No pasado mandato municipal (2015-2019), no ano 2016, dende a Área de Medio Ambiente xestionada por Manifesto Miñor, ao fronte da cal estaba Araújo, iniciáranse os trámites perante Augas de Galicia, Patrimonio, etc, incluso a redacción dun anteproxecto, para proceder á retirada dos sedimentos amoreados ao longo de décadas e que veñen taponando os ollos de desaugue da Ponte Románica de Mañufe.

“Sen dúbida foi un trámite complexo e longo demais por se tratar dunha actuación ao pé mesmo dun elemento patrimonial de grande importancia, e todo hai que dicilo, moi mal tratado polo paso do tempo e tamén anos pola insensibilidade das autoridades competentes e responsables públicos en xeral”, recorda Araújo.

Segundo o concelleiro de Manifesto Miñor-En Marea, a retirada dos devanditos sedimentos sen dúbida melloraría o desaugue do río en tempos de enchentes, evitando asolagamentos e situacións de perigo extremo para as vivendas dos barrios da Ponte e do Cruceiro, e asemade evitando ou diminuíndo o impacto das riadas na estrutura da ponte, e en consecuencia, axudando á súa conservación.

Araújo afirma que Augas de Galicia autorizou os traballos o pasado 18 de marzo de 2019, solicitando o Concello unha prórroga o 17 de xaneiro de 2020 que foi concedida con data 13/02/2020 e cuxa vixencia remata o 30 de decembro de 2020.

“Como queira que a época axeitada pra facer ese tipo de traballos dentro da canle do río é xustamente nos meses de agosto e setembro polo baixo caudal do mesmo antes de época de chuvias, sería lamentable que por descoido do goberno municipal non se fixeran agora estes traballos tan necesarios e que tanta tranquilidade lle darían á veciñanza da zona, pois chegado o inverno a perda da prórroga concedida por Augas de Galicia sería tan inevitable como inviable realizar os devanditos traballos”, conclúe o concelleiro.