O cifio das Amorosas devólvenos algo exclusivamente humano: os residuos plásticos

O varamento do cifio na praia das Amorosas, a pé da DOMUS, é un símbolo ao que non podemos pechar os ollos. O museo interactivo dedicado ao ser humano recibe aos seus pés o corpo, xa inerte, dun magnífico ser mariño que xestualiza, no seu rictus, devolvernos o que é exclusivamente noso: os plásticos, e o seu corpo silente exprésanos, mesmo a berros, que o noso mundo está destruíndo o seu.

É demasiado tarde, aínda que hoxe deixáramos de deitar plásticos e lixo mariño ao mar, milleiros de millóns de seres vivos morrerán pola consecuencia dos residuos que aínda alí hai. O máis grave é que non temos a máis mínima intención de deixar de verter lixo, e outros produtos de orixe e manufactura humana, no ecosistema más rico e valioso do planeta: o océano.

Os feitos

O sábado día 4 foi detectado un grande corpo dun cetáceo aboiando na costa da Coruña. Coa marea alta derivou á praia das Amorosas onde varou. A rápida intervención dos equipos da CEMMA permitiu a coordinación coa Policía local, co equipo de rescate da Cruz Vermella e cos responsables de medio ambiente da Autoridade Portuaria da Coruña, permitindo a recollida do corpo e desprazándoo á rampla de Oza onde quedou controlado. Un animal de máis de seis metros e dous mil quilos de peso é un risco para a navegación, polo que se optou por aseguralo no porto e xestionalo o luns 6.

Tres equipos de CEMMA concentráronse onte día 6 de marzo no porto de Oza, coordinados cos responsables da Autoridade Portuaria, o cetáceo foi varado e foille realizada a necropsia e a recollida de mostras biolóxicas. O equipo estaba dirixido polo veterinario responsable do equipo veterinario da Rede de Varamentos de Galicia Xabier Pin, e entre o que se contaba coa Dra. Raquel Puig veterinaria procedente do IUSA de Canarias, centro especialista no estudio da causa da morte de grandes mergulladores, Ana Saldaña, veterinaria da Facultade de Lugo-USC e o Dr. Alfredo López, investigador da Universidade de Aveiro.

A investigación do caso

Os achádeos de necropsia indicaron que se trataba dunha femia adulta de cifio común (Ziphius cavirostris) de 629 cm de lonxitude. Presentaba un forte traumatismo antero-ventral o que indica que puido varar vivo nalgún lugar que se descoñece, pois ningún chegou observala con vida. Presentaba ademais varias parasitacións e patoloxías crónicas pouco relevantes. Finalmente o exame do sistema dixestivo desvelou a orixe do achegamento a costa, do varamento e da causa da morte, isto foi a inxestión de restos de lixo mariño de composición plástica que o seu corpo non dixire e que ocasionaron unha obstrución grave e mortal no intestino e no estómago que ocasionou fallo en cascada orgánico.

Os cifios en Galicia

Os cifios (Familia Ziphiidae) son varias especies de cetáceos de odontocetos emparentadas, grandes mergulladores, que viven en augas moi profundas e moi lonxe da costa, máis alá do borde do cantil, a 30 millas da costa. Son especies raras e que varan en baixa frecuencia. Dende 1990 vararon 35 exemplares de 4 especies diferentes, a maioría son cifios comúns (26), a media anual dos cifios é de 1,1. Os cifios comúns aparecen varados tan só un de cada dous anos en Galicia e nunca se rexistraron máis de tres ao ano. Pola contra dende principio de ano foron xa rexistrados cinco exemplares varados, un feito que mantén en alerta aos equipos da CEMMA.

Os catro cifios anteriores deste ano eran exemplares moi descompostos, e vararon entre a Ría de Muros e a Ría do Vicedo, morreron despois do mes de novembro e moi lonxe da costa. A aparición de varamentos masivos de cifios, noutras partes do mundo, relaciónase con alteracións acústicas do medio en grandes profundidades, como manobras militares ou prospeccións submarinas. Estes impactos humanos mesmo poden afectar aos exemplares sen matalos, pero afectando aos seus sentidos ata “cegalos”, o que pode producir, na súa necesidade de percurar alimento a grande profundidade, que perdan a capacidade de detalle e confundan obxectos como cabos e bolsas con cefalópodos nadando.

A Rede de Varamentos de Galicia conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica, mediante o proxecto Revargal que é financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), e co apoio da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.