
Un total de 33 postos de venda ambulante renovaron este martes o mercado semanal de Gondomar, que ademais de cambiar a súa data de celebración dos sábados aos martes, estreou a que será a súa nova situación: a explanada das Cercas. Esta nova etapa foi consensuada coas asociacións de comerciantes implicadas e permitirá minimizar os riscos de contaxio da Covid-19.
As Cercas facilita unha maior extensión de terreo que permite que a colocación dos postos e a circulación dos usuarios sexa máis segura, ao crearse un circuíto no que se garante o distanciamento social, á vez que se respectan o resto de medidas hixiénico sanitarias como o uso das máscaras e do xel nos postos.
A nova situación permitirá ademais celebrar a feira semanal sen eliminar ningunha praza de aparcamento, tal e como si ocorría na Praza de Rosalía, espazo no que viña celebrándose durante os últimos anos.
A contorna dotouse ademais de sete colectores de recollida de lixo para facilitar o depósito dos residuos que se poidan xerar e manter a explanada limpa, seguindo así a filosofía do goberno de dotar dos medios necesarios para que Gondomar sexa un municipio referente en limpeza e sostenibilidade.