“Somos un equipo modesto, pero tamén somos un equipo ambicioso”

A nova presidenta do Gondomar Club de Fútbol, Rosa Álvarez, máis coñecida como Rosita Cristaleiro, presentou este domingo en asemblea á nova directiva da entidade. Acompañarana nesta nova etapa David Pazos Quintas e José Manuel Fernández Martínez, como vicepresidente e vicepresidente 2º, respectivamente. Ana María Davila ocupará o cargo de secretaria e Alejandro Fernández Comesaña será o tesoureiro.

Ramón López Núñez, Tomás Pereira Domínguez, Manuel Núñez Sestelo, Sergio Martínez González, Francisco Javier Leyenda, María Guisande Nieto, Basilio Pazos, Adrián Salgueiro González, Jesús Heleno Fernández, Antonio Dasilva Senra e Eloy Expósito serán os vogais. José Alonso González, sen formar parte da directiva, será o portavoz da mesma.

“Son consciente das expectativas que xera esta nova directiva. Estou convencida que conseguimos conciliar e axuntar distintas sensibilidades e un obxectivo común, que este club centenario alcance a singradura doutros cen anos e que podamos forxar outra xeración de xogadores que alcancen formar parte do persoal dos mellores equipos de España”, sinalou a presidenta.

Rosita Cristaleiro lembrou que “somos un equipo modesto, pero tamén somos un equipo ambicioso”, destacando que “temos canteira, temos equipo e hoxe todos, tedes unha Xunta Directiva que dará todo o que estea na súa man e o seu esforzo persoal pode achegar”. “Nesta nova andaina contamos e necesitamos contar coa inestimable colaboración do equipo de goberno e de toda a corporación e demais organismos públicos”.

Finalmente, incidiu en que “necesitamos contar cos socios actuais, algúns como eu desde nenos, e esperamos convencer e ilusionar a unha gran cantidade de novos socios”. “Se en circunstancias difíciles equipo técnico e persoal alcanzastes a sexta posición, estou convencida que a próxima tempada alcanzaremos un merecido ascenso se o Covid-19 permíteo”.

Á asemblea, ademais de numerosos socios, asistiu o alcalde, Paco Ferreira, a concelleira de Deportes, Nuria Lameiro, e os membros da corporación Paula Bouzós e Manolo Gómez.