David Fernández Rivera enche de poesía visual os colexios de Baiona

Un ano máis, os alumnos de quinto de primaria de todos os centros educativos de Baiona gozaron xunto ao poeta e pedagogo vigués David Fernández Rivera do Proxecto Caligrama 2000, unha iniciativa que, a través dunha pedagoxía pioneira, busca introducir aos máis pequenos no apaixonante mundo da poesía visual. A actividade, que desde hai anos promove o Concello de Baiona e que xa se instaurou de forma habitual nos centros do municipio, estivo percorrendo este novo curso as aulas do CPI Cova Terreña, do CEIP Fontes-Baiña, do CEIP Belesar e do CEP Sabarís.

Ao longo dos últimos anos, David Fernández Rivera demostrou que a poesía visual é unha ferramenta con grandes virtudes pedagóxicas de fronte ao desenvolvemento da creatividade e pensamento crítico dos nenos, unha ferramenta coa que Rivera consegue encher de entusiasmo e imaxinación cada unha das aulas que visita. Mostra diso é a participación efusiva coa que os pequenos viven o obradoiro, no que aprenden, entre outras cousas, a crear e interpretar poemas visuais.

Con todo, este proxecto con David Fernández Rivera non terminará tras a realización dos obradoiros, debido a que estes terán continuidade grazas á nova edición do Concurso Interescolar de Poesía Visual Vila de Baiona, que impulsa o poeta por segundo ano consecutivo no municipio co apoio da Concellería de Educación que dirixe Óscar Carreño Miniño. Con este concurso búscase entre outras moitísimas cousas, que os alumnos desenvolvan a súa creatividade máis aló do aprendido nos obradoiros.

Aínda que o pasado ano o certame culminou coa inauguración da instalación do poema visual “Infinito” de David Fernández Rivera na fachada do Centro Multiusos Ángel Bedriñana, este curso publicarase un libro con todos os poemas visuais creados polos nenos para o concurso, unha iniciativa do propio poeta, secundada e financiada polo Concello de Baiona.

Anuncios